ACCIÓN CULTURAL

"La noche de 12 años", de Álvaro Brechner, inaugura a 32ª edición de Cineuropa

06/11/2018 Mañá mércores 7 de novembro, dará comezo ás 20:00 h, no Teatro Principal, a cerimonia de apertura da 32ª edición de Cineuropa, dando así o pistoletazo de saída a 22 días co mellor cine do último ano. O acto inaugural, que será conducido por Moncho Lemos, contará coa presenza do alcalde, Martiño Noriega, e da vicepresidenta da Deputación de Coruña, Goretti Sanmartín. Así mesmo, o director do festival, José Luis Losa, analizará a programación dispoñible durante este mes de novembro.

La noche de 12 años, do uruguaio Álvaro Brechner, é o filme elixido para inaugurar esta nova edición, e será presentado polo actor Alfonso Tort, un dos seus protagonistas. A nota musical será engadida pola cantante e compositora Queyi, que tamén está no festival para presentar o seu filme Conversaciones alrededor de un piano que vino de Europa.

O filme de Álvaro Brechner céntrase no tormento padecido por tres Tupamaros que permaneceron illados durante 12 anos durante a ditadura militar uruguaia. Un deses presos foi Pepe Mujica, quen máis tarde se convertería en presidente de Uruguai. Segundo a programadora de Cineuropa Alejandra Trelles: "máis preto do ámbito intimista, da supervivencia da conciencia do home combativo, que da épica do cinema ambientado en prisións, as emocións da obra de Brechner nacen dunha raíz moito máis fonda, a do gran cinema sobre espíritos indómitos. A súa achega a esta estirpe —e tamén a unha reconstrución nobre, preñada de honestidade, da memoria histórica de Uruguai— respírase como un proceso liberador e tamén de expiación. Un cinema que se planta sobre unha realidade de titáns feramente humanos".

O festival
Deste xeito comezará #Cineuropa32, certame que traerá ao novembro compostelán vinte e dous días de cine repartido en oito salas da cidade (Teatro Principal, Salón Teatro, Cinema Numax, Multicines Compostela, Sede Afundación, Auditorio de Galicia, a Sala Agustín Magán do Centro Cívico Santa Marta e o Museo das Peregrinacións), nas que se proxectarán ao redor de 300 películas. A programación completarase con homenaxes, concertos, encontros con cineastas, mesas debate, proxeccións musicalizadas e a festa do cine, é dicir, o maratón. O programa completo está dispoñible no sitio web cineuropa.gal. Os convites para asistir á cerimonia de apertura están xa dispoñibles no despacho de billetes do Teatro Principal dende este martes.

É posible seguir o día a día de Cineuropa a través dos seus perfís en redes sociais: Twitter (@cineuropa_gal), Facebook (/cineuropa.gal) e Instagram (cineuropa.gal). Ademais, Cineuropa32 conta cunha canle de Telegram dende a que as persoas subscritas poderán recibir información sobre as actividades e a actualidade do festival.

Direccións relacionadas



Compartir: