ALCALDÍA

O alcalde participa na comisión de seguimento da estación intermodal

05/11/2018 O alcalde, Martiño Noriega, participou esta tarde en Madrid na comisión de seguimento da estación intermodal, presidida pola responsable de ADIF, Isabel Pardo de Vera. Á xuntanza tamén asistiu o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, así como representantes doutras administracións implicadas na infraestrutura, como a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez.

Martiño Noriega explicou que a xuntanza desta tarde foi satistactoria, porque "permitiu constatar que Santiago é a cidade galega que ten máis camiño andado para a construción da súa estación intermodal, coas obras da estación de autobuses en marcha e co proxecto dos accesos avanzando". Nese sentido, o Concello levou á reunión "un anteproxecto de Proyfe, a empresa adxudicataria da redacción do proxecto de acondicionamento do viario Clara Campoamor, e explicou que cara final de ano estará listo o proxecto definitivo para poder iniciar a súa licitación".

Pola súa banda, ADIF presentou na reunión un avance do proxecto global da estación intermodal, que estará listo previsiblemente a mediados do 2019, "e que volve mostrar a vontade de completar a infraestrutura con independencia do volume de pasaxeiros da estación".

Compartir: