XUNTA DE GOBERNO

Unha sentenza anula o proxecto de urbanización do SUNP-38 de Formarís, aprobado en 2010

02/11/2018 A Xunta de Goberno acordou hoxe declarar anulado o proxecto de urbanización do SUNP-38 de Formarís, aprobado en 2010, en virtude dunha sentenza ditada polo Xulgado Contencioso-Administrativo nº1 de Santiago. Esta é a segunda sentenza xudicial relativa a este solo, no que está prevista a construción da rotonda que enlazará o futuro orbital coa N-550.

O alcalde explicou que o Goberno está traballando co Ministerio de Fomento en posibles solucións para o desenvolvemento deste solo, que "no ano 2010 lle foi encargado á empresa municipal Emuvissa, co enfoque de que os custos de urbanización lle serían cargados aos propietarios dos solos próximos, tanto ás grandes empresas como aos pequenos propietarios". Eses custos estaban estimados en máis de catro millóns de euros, e nese momento o Concello entendeu que os polígonos próximos se beneficiarían da nova conexión. Segundo apuntou o alcalde, "as persoas afectadas estiveron nunha situación peculiar durante moito tempo, porque chegaron a ter as súas contas embargadas por non pagar a conta da liquidación malia a estar recorrida ante os tribunais".

Unha vez ditada a sentenza que anula o proxecto de urbanización do SUNP-38, o Goberno "segue traballando en diálogo con Fomento para buscar unha solución que garanta a construción da rotonda". Segundo apuntou o alcalde, a opción na que se traballa dende hai un ano é que "o Concello asuma os custos de expropiación dos terreos para a construción da rotonda, mentres que o Ministerio se encargaría da execución da obra".

Reunións en Madrid
O alcalde explicou que a tramitación deste proxecto será un dos asuntos que aborde co secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Fomento, co que se reunirá o luns en Madrid. Martiño Noriega adiantou que tamén pretende facer seguimento con José Javier Izquierdo Ronsero de actuacións comprometidas ou en marcha, como o enlace orbital ou a conexión da AP-9 coa Cidade da Cultura. Ademais, incidiu en que levará novamente a este encontro o proxecto da rotonda de Conxo, porque "despois das declaracións de intencións de dous ministros de Fomento, Ana Pastor e Íñigo de la Serna, e do presidente Mariano Rajoy; agora requirimos un compromiso firme e claro". Martiño Noriega tamén formulará ao secretario xeral de Infraestruturas "demandas relativas ao estado da rede viaria que é titularidade do Ministerio de Fomento, porque entendemos que o periférico ten necesidades claras en canto ao seu mantemento".

O luns, Martiño Noriega tamén se reunirá en Madrid coa presidenta de ADIF, Isabel Pardo de Vera, para facer seguimento do convenio da construción da intermodal. Está previsto que nesa xuntanza tamén participe a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: