ALCALDÍA

O Compostela e o Pontevedra enfrontaranse na III edición do Memorial Antonio Bermúdez

29/10/2018 O estadio de San Lázaro acollerá o próximo mércores o III Memorial Antonio Bermúdez, que desta vez enfrontará á S.D. Compostela co Pontevedra C.F. O encontro foi presentado hoxe, nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde, Martiño Noriega; o presidente do Compostela, Antonio Quinteiro; a presidenta do Pontevedra, Lupe Murillo; e o fillo do xornalista homenaxeado, Toño Bermúdez.

O III Memorial Antonio Bermúdez celebrarase no estadio de San Lázaro o mércores 31, a partir das 20:00 horas. As persoas abonadas terán a entrada de balde, mentres que as non abonadas deberán pagar 5 euros. Está previsto que ao comezo do encontro se garde un minuto de silencio en memoria de José González Fidalgo, o que fora xerente do Compostela, falecido o pasado venres.

O alcalde, Martiño Noriega, expresou a satisfacción do Concello por poder participar neste memorial, "co que axustamos contas e lle devolvemos a Antonio Bermúdez un pouco do que el lle deu á cidade". Nesa liña, lembrou que "esta é unha homenaxe a un home que significou moito para a radio, pero tamén para o mundo do deporte, e que deixou un baleiro hai dous anos coa súa morte que está resultando difícil de encher".

Tamén o presidente do Compostela, Antonio Quinteiro, lembrou a figura de Antonio Bermúdez como "un home moi importante para o club, non só para a súa comunicación, senón tamén para a toma de decisións, e por iso temos o compromiso moral e emocional de lembralo cada ano".

Compartir: