ACCIÓN CULTURAL

Aberta a convocatoria do XXIV Premio Antonio Fraguas de Investigación sobre o Traxe Galego

29/10/2018 A Asociación do Traxe Galego, en colaboración co Concello de Santiago e El Corte Inglés, veñen de convocar a XXIV edición do Premio Antonio Fraguas de Investigación sobre o Traxe Galego. Un ano máis, haberá premios de 600 e de 1.200 euros para os mellores traballos descritivos e analíticos, respectivamente, sobre a indumentaria tradicional.

A concelleira de Acción Cultural presentou hoxe a nova edición deste consolidado certame, que "24 anos despois segue cumprindo o seu obxectivo de fomentar o coñecemento da nosa vestimenta tradicional, e con ese coñecemento, o amor polo que nos é propio, polo que nos identifica". Branca Novoneyra estivo acompañada na rolda de prensa pola presidenta da Asociación do Traxe Galego, Pilar Astray; e pola delegada de Comunicación e Relacións Institucionais de El Corte Inglés-Santiago, Eva Calvo.

Traballos descritivos ou analíticos
Como vén sendo habitual, o Premio Antonio Fraguas convócase en dúas modalidades: traballos descritivos, dotada con 600 euros, e traballos analíticos, dotada con 1.200 euros. Á primeira categoría poden optar aqueles traballos que, recuperando traxes, especifiquen a materia con que están feitas as pezas, presenten patróns e medidas ou indiquen onde se atoparon, onde están actualmente e de que época é cada unha das pezas analizadas. En canto aos traballos analíticos, son aqueles que ademais pescuden información sobre a autoría do traxe e os mecanismos empregados, a forma de traballo ou a área de distribución da súa produción. Nesta modalidade valórase non só a recolleita e catalogación das formas, senón tamén a influencia de aspectos relixiosos, económicos, políticos ou sociolóxicos.

Os traballos presentados serán avaliados por un xurado composto por Ana Blanco Gómez, da Fundación Rosalía de Castro; Xesús Ferro Ruibal, académico e membro do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e Xosé Manuel González Reboredo, do Padroado do Museo do Pobo Galego.

O prazo de entrega finaliza o 30 de novembro.

Preparando 2019
Na rolda de prensa de presentación do galardón, Pilar Astray adiantou que a Asociación do Traxe Galego está xa traballando de cara a 2019, "un ano especial porque se cumpren 25 anos da creación da Asociación e 40 anos do primeiro Día do Traxe, e tamén porque se lle dedica o Día das Letras Galegas a Antonio Fraguas". Por ese motivo, a Asociación está preparando, tamén en colaboración con El Corte Inglés-Santiago, unha exposición sobre o traxe, prevista para o mes de maio.

Compartir: