MEDIO AMBIENTE

Expertos e expertas de dez países debaten en Santiago sobre a educación para o cambio climático

26/10/2018 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, participou na inauguración do IV Seminario Internacional Resclima, que se celebra este venres e mañá xoves no Auditorio de Galicia. Este foro está organizado polo Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da Universidade de Santiago e pola Rede Internacional de Pesquisadores em Educaçao Ambiental e Justiça Climática (REAJA), e conta coa colaboración do Concello de Santiago.

Neste congreso debátese sobre a importancia de que o cambio climático sexa introducido como materia a tratar no sistema educativo, sobre todo no ensino secundario. A conferencia inaugural correu a cargo da profesora da Universidad Veracruzana de México, Laura Odila Bello Benavides, e do asesor pedagóxico do Servizo de Educación Ambiental do Goberno Vasco, José Manuel Gutiérrez Bastida.

Ao longo das dúas xornadas do Seminario están previstas diferentes sesións de comunicacións breves en torno a catro eixos temáticos: educación para o cambio climático no sistema educativo; comunicación do cambio climático e cidadanía; educación nas políticas de cambio climático; e educación para o cambio climático e xustiza ambiental. Nos diferentes relatorios participan expertos de diferentes universidades do Estado como a Complutense de Madrid, a de Granada, a de Valencia ou a de Málaga; así como doutros lugares do mundo como México, Brasil ou Canadá.

Están previstas ademais dúas conferencias plenarias, unha delas a cargo de Marilia Andrade Torales Campos, da Universidade Federal do Paraná (Brail) sobre "Educación ambiental e cambio climático: a autonomía do profesorado para (re)pensar o curriculum da escola"; e outra con Jesús de la Osa Tomás, do Concello de Zaragoza, sobre "Saúde, cambio climático e educación". A conferencia de clausura correrá a cargo de Edgar Javier González Gaudiano, da Universidad Veracruzana de México, baixo o título "A educación como clave social para reducir a vulnerabilidade diante do cambio climático".

Compartir: