DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Compostela lidera un proxecto europeo que permitirá a creación dun observatorio do turismo

26/10/2018 A concelleira de Igualdade, Promoción Económica e Turismo, Marta Lois, deu conta esta mañá dun novo proxecto europeo no que participará o Concello de Santiago, liderando un grupo de 8 entidades europeas.

Trátase dun proxecto que leva por nome Big e open data para o desenvolvemento de novos procesos cara a xestión do patrimonio atlántico (BODAH) e que supón unha achega económica de Europa de 1.571.373 euros para Compostela e os seus 7 socios e, en concreto, de 247.000 euros para a nosa cidade.

BODAH ten como obxectivo fortalecer un desenvolvemento máis sustentable do turismo, os fluxos de persoas e a redistribución de impactos socioecónomicos, grazas ao uso de datos. Nel desenvolveranse novas ferramentas e solucións acorde as características dos "destinos intelixentes". En síntese, tal e como indicou a concelleira de Turismo, "búscase fortalecer as capacidades de recoller, xerar, integrar e analizar datos para tomar decisións informadas e ter un impacto nos comportamentos".

Oito entidades
Para o Concello de Santiago implica a oportunidade de chegar a implementar un observatorio do turismo que permita, utilizando as novas tecnoloxías, recoller datos sobre os fluxos turísticos na área patrimonial, así como os alugueres turísticos. "Isto permitiranos contar con datos moi precisos sobre visitantes e rutas turísticas intramuros, así como información útil sobre os alugueres turísticos de cara a seguir avanzando na súa localización e regulación", indicou a concelleira.

Participan tamén, liderados polo Concello de Santiago, entidades e institucións como a Fundación Santa María la Real del Patrimonio Histórico (formada por Huelva, Cádiz e Sevilla); Fomento San Sebastián ou universidades como a de Lisboa, Gales ou o Instituto de Tecnoloxía de Cork. Marta Lois lembrou que Santiago "conta cun aval moi potente en Europa, como é a experiencia noutros proxectos europeos como Atlantic Social Lab, Tropa Verde, Womarts ou Smarter Together". Dende o 2015, o Concello de Santiago recadou máis de 20 millóns de euros de fondos europeos, "non só cos que acabo de citar, senón tamén con outras experiencias como a Edusi ou o Smartiago", recordou.

As entidades que participan con Santiago neste proxecto poderán traballar tamén sobre os datos que se recollan en Compostela e, con eles, intentar ter retornos na economía da cidade. A análise dos fluxos turísticos en rúas concretas da poderá ofrecer, a medio prazo, un perfil o máis completo posible do tipo de turismo e do seu comportamento, o que resulta útil para implementar determinados tipos de negocios.

O proxecto implementarase dende abril do 2019 e ata decembro do 2021 e será coordinado polo Concello de Santiago en estreita colaboración cos socios europeos.

Compartir: