FACENDA

Remata o prazo de votación dos OP Compostela Decide cun incremento na participación do 33%

25/10/2018 A concelleira de Facenda, María Rozas, presentou hoxe o resultado do proceso Compostela Decide, que incrementou a participación nun 32,90% con respecto á súa edición anterior. Foron máis de 2.500 os votos emitidos este ano, e 1.177 novas persoas inscritas nas diferentes fases do proceso. As propostas gañadoras nesta fase de votación, que suman entre todas 1.500.000 €, incorporaranse ao proxecto de orzamento municipal de 2019.

Os 400.000 € destinados a investimentos que beneficiarán ao conxunto do municipio repartíronse entre dúas propostas relacionadas coa mobilidade e outra que ten que ver coa rehabilitación das fontes do noso concello. A primeira e a terceira foron "Microbuses eléctricos circulares para as parroquias do rural" e "Carril bici" (axeitar un carril bici urbano e interurbano sen molestar os peóns nin os condutores e condutoras, sobre todo no que atinxe a baixada para os peregrinos/as por San Pedro e as entradas do Camiño ata a cidade). Esta última proposta, por ser a terceira máis votada, escalouse, pasando de 400.000 a 100.000 euros para cubrir o orzamento restante tras as dúas máis votadas.

Apóstolo e mocidade
No capítulo das festas do Apóstolo de 2019, as veciñas e veciños escolleron seis propostas que cobren preto dos 100.000 € destinados a actividades: "Bus nocturno accesible e con paradas a demanda", "Fogos do Apóstolo dende as parroquias", "Festas com Alvorada", "Jams de Barrio, música de proximidade", "Mira Compostela" e "Cinema clásico ao aire libre".

Para a mocidade compostelá reserváronse outros 100.000 € para actividades que se repartirán entre nove actividades que abranguen temáticas moi diversas: combater con arte o feísmo da cidade, cinema ao aire libre, lecer nocturno, aulas de autodefensa feminina, formación en consumo responsable e economía social, actividades con cans, hortas ecolóxicas para a mocidade, cursos de lingua de signos e espazos de socialización en galego para crianzas e adolescentes.

Propostas dos barrios e parroquias
Unha soa proposta copou todo o orzamento para a área do rural compostelán: a reforma do vieiro A Pajuela-Campo da festa de Marrozos.

A zona Leste decidiu priorizar a recuperación da rúa de Caramoniña, a dotación de mobiliario de xogo e árbores no patio do CEIP Apóstolo Santiago, a integración da Casa do Matadoiro no parque de Belvís a través do pintado e a apertura dunha porta e a humanización dos recunchos dos barrios desta área a través de bancos de madeira, xardineiras, bibliotecas de rúa, randeeiras... Para a zona Noroeste só entrou unha proposta: a rehabilitación da Casa das Máquinas de Fenosa para un centro sociocultural en Galeras.

Terceira edición
En total, emitíronse 2.502 votos entre as seis áreas. Os veciñas e veciños de Santiago de Compostela repartiron un total de 1.500.000 € para actividades e investimentos, e aumentaron o número de votos totais nun 32,90% con respecto a esta mesma fase da pasada edición. Os votos recolléronse na plataforma web decide.santiagodecompostela.gal, a través das asembleas de decisión de cada zona e en sesións de votación presencial organizadas polas asociacións veciñais.

Entre as tres edicións dos orzamentos participativos inscribíronse un total de 4.755 persoas con dereito a voto, das cales 1.177 se sumaron nesta edición de 2018. No que respecta ao reparto dos votos entre as diferentes áreas, os orzamentos municipais e as festas do Apóstolo, dirixidos a todo o censo de Santiago de Compostela, foron os que máis participación concentraron, con 549 e 586 votantes, respectivamente. A área de Rural foi a seguinte con maior participación, con 487 votos. Na zona Norte participaron 120 persoas e na zona sur 107.

As persoas participantes puideron escoller entre 136 propostas correspondentes ás seguintes áreas: investimentos municipais, zona Leste, zona Noroeste, Rural e actividades dirixidas á mocidade e ás Festas do Apóstolo 2019. Estas propostas foron priorizadas de entre todas as presentadas na primeira fase nunha fase posterior de recollida de apoios, para finalmente ser avaliadas polos servizos municipais e comprobar a súa viabilidade técnica e económica.

As propostas gañadoras incorporaranse ao proxecto de orzamento municipal de 2019, que deberá ser aprobado en Pleno. Máis adiante constituirase, outra volta, a comisión de seguimento que informará do estado dos proxectos e velará polo cumprimento do compromiso de execución que o goberno local adquiriu mediante estes orzamentos participativos.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: