EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O Concello edita unha guía didáctica que busca poñer en valor o patrimonio funerario de Compostela

18/10/2018 O edil de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou esta mañá unha nova guía didáctica dentro da colección Coñecer Santiago, cidade educadora. Desta vez leva por título O cemiterio compostelán de Boisaca e o patrimonio funerario e está coordinada pola profesora Carmen María Sánchez. Na rolda estiveron algúns dos autores e autoras da publicación.

Manuel Dios destacou que se trata dunha "obra coral na que participan profesores da Universidade e na que se quere poñer en valor o cemiterio de Boisaca". Esta unidade didáctica está pensada para ser traballada nos colexios de Santiago co gallo do día de defuntos, que será completada cunha serie de visitas guiadas polo cemiterio.

A coordinadora da edición, Carmen María Sánchez, fixo fincapé na "importancia de poñer en valor, non só o cemiterio municipal de Boisaca, senón tamén o patrimonio funerario do Concello". Por iso a unidade didáctica esta formada por un total de dez artigos que dan unha visión xeral dende o Neolítico ata a idade moderna, e inclúe unha serie de anexos cunha proposta de roteiro e cunha listaxe das persoas fusiladas durante a Guerra Civil e a posguerra.

A guía didáctica ofrece unha información moi completa sobre como eran os enterramentos noutras épocas, facendo un repaso histórico polos primeiros enterramentos no Neolítico, pasando pola Galicia Romana, a idade Media ou os cemiterios nas letras e no cine galego. Tamén se inclúe información sobre os antigos recintos funerarios e cemiterios, públicos e privados existentes no concello de Santiago.

Colección
Tal e como lembrou o concelleiro, esta é a quinta publicación editada polo Departamento de Educación e Cidadanía dentro da colección Coñecer Santiago, cidade educadora, tras Brundibar, de Hans Krasa, O soño roto, O Banquete de Conxo e Embarcacións tradicionais de Galicia.

Compartir: