ALCALDÍA

O presidente da Xunta compromete o financiamento da EDAR e estudará a colaboración coa Cidade da Raqueta

17/10/2018 O alcalde e o presidente da Xunta mantiveron esta mañá unha xuntanza para repasar os asuntos pendentes da cidade e facer seguimento dos que xa están en marcha. Martiño Noriega formuloulle a Alberto Núñez Feijóo unha proposta de traballo conxunto entre as dúas institucións en relación a 30 cuestións de diferentes temáticas, como as grandes infraestruturas, as políticas sociais ou os novos equipamentos. A xuntanza, de dúas horas de duración, estivo marcada polo clima de entendemento e pola vontade compartida de colaboración institucional.

Un dos temas que o alcalde quixo abordar co presidente da Xunta foi o proxecto da nova EDAR da Silvouta. Alberto Núñez Feijóo sinalou que "os Gobernos local e autonómico non teñen posturas coincidentes sobre a depuradora, pero respectamos a decisión soberana do Concello ao respecto da localización da infraestrutura". Por iso, incidiu, "a Xunta mantén o compromiso de financiamento coa EDAR, e agardamos premura na tramitación do proxecto para que non se perdan os fondos europeos comprometidos".

Cidade da Raqueta
O presidente da Xunta tamén mostrou a súa disposición a estudar a petición de Martiño Noriega para que a Administración autonómica se implique no financiamento da construción da Cidade da Raqueta. Na reunión, o alcalde fíxolle entrega a Núñez Feijóo dun estudo de viabilidade sobre ese equipamento, que o Concello prevé localizar no contorno de San Lázaro e para o que asumiría os gastos de mantemento. O presidente da Xunta mostrouse disposto "a chegar a un acordo co Concello e coa Deputación da Coruña para que as tres administracións colaboren economicamente no proxecto".

Xacobeo 2021
En relación á preparación do Xacobeo de 2021, o alcalde expresoulle ao presidente da Xunta a necesidade de "impulsar o papel do Consorcio e reforzar as achegas económicas a ese organismo, como vén sendo habitual antes de cada Ano Santo". Núñez Feijóo mostrouse receptivo a esa petición que, dixo, tamén trasladará ao ministro de Cultura na reunión que teñen prevista para finais deste mes de outubro. Martiño Noreiga tamén informou dos pasos que se teñen dado para conseguir que o Real Padroado se reúna antes de 2021, e despois de non ter celebrado ningunha xuntanza nos últimos 15 anos.

Tamén co horizonte de 2021, o alcalde de Santiago e o presidente da Xunta analizaron o estado de proxectos conxuntos como a mellora e rexeneración das entradas dos Camiños de Santiago; e de demandas compartidas ao Ministerio de Fomento, como a construción do enlace orbital, que "está orzado, pero non iniciado o procedemento de licitación".

Miramontes e outros asuntos
Do mesmo xeito, o presidente da Xunta informou do estado da tramitación para a construción dunha nova residencia de maiores en Fontiñas. Alberto Núñez Feijóo agradeceu a cesión dos terreos por parte do Concello, e asegurou que as obras serán licitadas na primeira parte de 2019 para arrancar na segunda parte do mesmo ano.

Na reunión celebrada esta mañá, o alcalde tamén pediu a máxima implicación da Xunta para frear as irregularidades que se están a cometer na canteira de Miramontes. Martiño Noriega reiterou a preocupación do Concello e o seu absoluto respaldo ás reclamacións da veciñanza, e Núñez Feijóo deu conta da apertura de "dous expedientes en relación a Miramontes, o último neste mesmo mes de outubro, aos que a empresa terá que responder en prazo". Segundo asegurou, "a Alcaldía de Santiago estará permanentemente informada sobre os pasos que dea a Administración autonómica, que non tolerará ningún delito medioambiental".

"Reunión moi útil para a veciñanza"
Ao remate da reunión, o alcalde e o presidente da Xunta coincidiron en salientar "o clima de colaboración e cordialidade" da xuntanza. Martiño Noriega lembrou que "Santiago ten unha cultura de cohabitación e cooperación nas cousas que lle afectan á cidade, e estamos obrigados a manter a normalidade nas relacións, á marxe de calendarios electorais e doutras circunstancias". Nesa liña, Alberto Núñez Feijóo asegurou que a de hoxe foi "unha reunión moi útil para a veciñanza de Santiago e para todos os galegos e galegas que senten como súa a capital de Galicia".

Compartir: