CONVIVENCIA

O Concello de Santiago recibe seis desfibriladores no marco da campaña "Latidos que suman"

09/10/2018 O Concello de Santiago vén de recibir seis desfibriladores, na segunda edición da carreira virtual solidaria "Latidos que suman", impulsada pola Asociación España Salud, en colaboración coa farmacéutica Esteve. Os dispositivos foron instalados en diferentes departamentos municipais, aumentando así o número de espazos cardioprotexidos da cidade e incrementando as posibilidades de supervivencia ante unha parada cardíaca.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, recibiu hoxe os desfibriladores, nun acto no que participaron Susana Rodríguez e Jesús Vázquez, de Esteve Pharmaceuticals. Tamén asistiron as dúas persoas que máis quilómetros percorreron en Santiago no marco da iniciativa: o cardiólogo Fernando Otero, que sumou 2.626 quilómetros, e o farmacéutico Jorge Ferrandáns, que sumou 2.599.

A campaña "Latidos que suman" é unha carreira solidaria impulsada pola Asociación España Salud e Laboratorios Esteve, que bota man de apps como Google FIT, Runtastgic, Fitbit, Apple Salud, RunKeeper o Dailymile para converter os quilómetros percorridos polas persoas inscritas na iniciativa en desfibriladores. O reto era sumar 100.000 quilómetros en 4 meses, e ao conseguilo Esteve faría a doazón de 30 desfibriladores. O reparto fíxose en función da orixe das persoas que percorreron máis quilómetros, e a Compostela correspondéronlle seis dispositivos.

Os seis novos desfibriladores foron instalados no Pazo de Raxoi, as oficinas do Rexistro e de Atención á Cidadanía da rúa Salvador Allende; a UMAD, o servizo de Proxección e Planificación do Concello da praza de Camilo Díaz Baliño, e dous máis nas dependencias da Policía Local.

Compartir: