CONVIVENCIA

A Policía Local detecta 38 infraccións na campaña de control do uso do cinto e dos sistemas de retención infantil

09/10/2018 A Policía Local realizou máis de 2.000 inspeccións durante a campaña de control do uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil realizada do 1 ao 7 de outubro. Nelas detectáronse un total de 38 infraccións.

A maioría das infraccións teñen que ver co uso do cinto de seguridade. En concreto foron controlados 1.994 vehículos, nos que se detectaron 23 condutores sen cinto, o 1,4 por cento; e 14 ocupantes, o 0,81 por cento. En canto aos sistemas de retención infantil, controláronse 121 vehículos e nun deles detectouse que non se utilizaba o dispositivo.

No que vai de ano, a Policía Local leva controlados máis de 10.000 vehículos nas campañas de vixilancia sobre o uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil. Nesas inspeccións, o 99,17 por cento dos condutores utilizaban o cinto, ao igual que o 99,19 por cento dos ocupantes. En canto aos dispositivos de seguridade para nenos e nenas, utilizábano o 99,62 por cento.

O uso do cinto de seguridade é un elemento básico e fundamental da seguridade viaria e reduce á metade o risco de morte en caso de accidente. O airbag non é eficaz se non se complementa coa utilización do cinto de seguridade. A súa utilización tamén é importante nos asentos traseiros do vehículo, xa que protexe tanto de saír despedido do habitáculo como de impactar contra o parabrisas. A 80 quilómetros por hora, un choque frontal sen levar posto o cinto de seguridade adoita levar aparellada a morte ou lesións graves. No caso dos envorcos, o cinto reduce nun 77% o risco de morte.

En canto aos sistemas de retención infantil, son obrigatorios para nenos e nenas cunha altura inferior a 1,35 metros, e recomendables ata os 1,50. As cadeiras deben estar instaladas de acordo coa altura e peso. En todos os casos, a banda diagonal do cinto debe pasar pola clavícula sobre o ombro e ben pegada ao peito, mentres que a banda ventral ten que quedar o máis baixa posible sobre a cadeira.

Compartir: