EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O alumnado da Escola Municipal de Música dará concertos na Aula Hospitalaria do Hospital Clínico

05/10/2018 O Concello vén de incorporar a Aula Hospitalaria do CHUS ao circuíto de centros que visita o persoal da Escola Municipal de Música para os seus concertos didácticos en base a un acordo coa dirección da Aula, dependente do Ministerio de Sanidade e xestionado pola Xunta de Galicia. Estas visitas darán comezo a principios do ano que vén.

Así, os nenos e nenas que están hospitalizados no Hospital Clínico poderán recibir clases maxistrais dos instrumentistas da Escola que tamén tocarán algunhas das pezas sobre as que traballan durante o curso. O acordo inclúe que algunha agrupación da Escola poida ir mensualmente a tocar para os rapaces e rapazas.

Ademais, a Aula Hospitalaria do CHUS incorporarase tamén á rede de centros que participan na campaña de animación á lectura, con contacontos acompañados de música. Ata alí se achegaron hoxe o edil de Educación, Manuel Dios, e o director da Escola Municipal de Música, Fernando Rei.

Compartir: