XUNTA DE GOBERNO

Iniciada a licitación do programa piloto de atención á infancia no centro educativo e de lecer María Miramontes

05/10/2018 A Xunta de Goberno acordou hoxe abrir o procedemento de adxudicación do programa piloto de atención á infancia co que abrirá as súas portas a ludoteca de Fontiñas, rebautizada como "Centro Educativo e de Lecer María Miramontes". O servizo terá un tipo de licitación de case 145.000 euros, IVE incluído, e será cofinanciado pola Deputación da Coruña.

Máis dunha década despois de que se iniciara a construción do edificio, o Centro Educativo e de Lecer María Miramontes poderá abrir as súas portas nos próximos meses, cun programa piloto que se licitará por un ano, prorrogable por outro. A ese contrato destinaranse 145.000 euros, dos que 80.000 euros serán achegados pola Deputación da Coruña. O alcalde, Martiño Noriega, explicou que "o obxectivo é rematar a licitación nun prazo de tres meses, para que o centro poida empezar a funcionar canto antes".

O Centro Educativo e de Lecer María Miramontes terá 73 prazas. Delas. 20 serán para a unidade de 2 a 3 anos; 30 para a unidade de 3 a 6 anos; e as 23 restantes para a unidade de 6 a 12 anos. O obxectivo é ofertar, de maneira gratuíta, actividades de amimación sociocultural e musica, atención psicopedagóxica, intercambio de xogos e xoguetes, e actividades relacionadas coas novas tecnoloxías, entre outras. A ludoteca estará aberta de luns a xoves de 16.00 a 20.00 horas; os venres ofertará actividades programadas cos centros de educación polas mañás e estará aberta polas tardes; e os sábados funcionará en horario de mañá e tarde.

Encomenda a Tussa
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe unha proposta do concelleiro delegado de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade para encomendarlle a Tussa a realización dun estudo para a xestión directa das áreas de estacionamento da Pontepedriña, a avenida de Ferrol e o aparcadoiro soterrado do Olvido. O alcalde lembrou que "este será o primeiro paso para a regulación destas tres áreas, e está pendente de determinar se o novo modelo de xestión ten que ser ratificado polo Pleno da Corporación ou pola propia Xunta de Goberno".

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: