ALCALDÍA

O alcalde participa na entrega dos premios Trifinium

02/10/2018 O alcalde, Martiño Noriega, participou hoxe no acto de entrega do Premio Internacional Trifinium Xacobeo, que concede a Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago. No acto foron distinguidos a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, Robert Plotz e Paulo Caucci, e o Instituto Xeográfico Nacional.

O Premio Internacional Trifinium Xacobeo foi creado en 2012 pola Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, e concédese con carácter trianual. O obxectivo dos galardóns é recoñecer o labor das persoas, colectivos ou institucións en pro do Camiño de Santiago e do desenvolvemento da peregrinación Xacobea. Nesta edición foron distinguidos a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, na categoría de Premio a un Programa de Actuación; Robert Plotz e Paolo Caucci, no Premio a unha Vida e o Instituto Xeográfico Nacional, no Premio a unha Obra, polo seu mapa dos Camiños de Santiago en Europa.

Na súa intervención, o alcalde compostelán felicitou aos premiados e recoñeceu o seu traballo en prol do Camiño de Santiago. Ademais, Martiño Noriega reivindicou o papel das Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago "na defensa e posta en valor da ruta xacobea, que fixo de Compostela unha cidade multicultural e de acollida".

Compartir: