MEDIO AMBIENTE

Un obradoiro sobre a limpeza do fogar e un roteiro polas Brañas de Sar, na programación de outubro do CIAC

02/10/2018 O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela deseñou unha programación para este mes de outubro coa que quere facernos reflexionar sobre o estado das nosas aldeas e cidades, e sobre o impacto que os nosos feitos cotiáns teñen no medio ambiente. Deste xeito, o CIAC súmase á conmemoración do Día Mundial do Hábitat, que se celebra cada 2 de outubro.

Dentro da programación do CIAC para este mes destaca un Obradoiro de limpeza do fogar sen produtos tóxicos, que se vai celebrar o sábado 13 de outubro, a partir das 12.00 horas. Nel reflexionarase sobre os moitos produtos que utilizamos para limpar a casa, como o xabón da louza, o deterxente da lavadora, os produtos específicos para o solo, os limpacristais... Trátase de coñecer se realmente son necesarios, e de explicar cales son as implicacións que ten o seu uso no medio ambiente. No obradoiro tamén se dará conta de receitas para elaborar produtos de limpeza con ingredientes naturais.

Xa para o sábado 20 de outubro está prevista a celebración dun roteiro interpretativo polas Brañas de Sar, para descubrir o seu valor ecolóxico e os seus usos tradicionais. Neste caso, a actividade está dirixida a todos os públicos, pero no caso dos nenos e nenas recoméndase que teñan máis de sete anos.

As dúas actividades son de balde pero é preciso inscribirse previamente. Pode facerse a través do correo ciac@santiagodecompostela.gal, ou no teléfono 981 543145.

Compartir: