PLENO

A Corporación aproba o pago das horas extras pendentes á Policía Local

27/09/2018 O Pleno da Corporación aprobou hoxe, nunha sesión extraordinaria, o expediente que permitirá pagar as horas extras que se lle debían á Policía Local, correspondentes aos meses de setembro, outubro e novembro de 2017. O acordo foi adoptado cos votos a favor de Compostela Aberta, PSOE e BNG, mentres que o PP optou pola abstención.

A concelleira de Facenda, María Rozas, lembrou que o Goberno xa levara ao Pleno do mes de xullo un expediente de suplemento de crédito para facer fronte a ese pago. Agora, nun informe do pasado 20 de setembro, a Intervención Municipal sinalou que o expediente debía volver ao Pleno para detallar mellor o importe das horas extras. O pago acordado hoxe ascende a case 150.000 euros.

A edila aclarou tamén que o pago das horas extras de 2018 á Policía Local está ao día. María Rozas lamentou que sexa preciso "tirar de horas extra para manter o servizo, algo que responde a que a taxa de reposición fixo que a Policía Local conte con 42 efectivos menos que hai unha década".

Compartir: