MOBILIDADE E POLÍTICAS SOCIAIS

Santiago celebra o Día da Accesibilidade cun roteiro en cadeira de rodas

25/09/2018 Por terceiro ano consecutivo celebrouse en Santiago o Día da Accesibilidade, no marco das actividades da Semana Europea da Mobilidade. Levouse a cabo unha actividade chamada "Ponte no meu lugar", un roteiro en cadeira de rodas organizado por Cogami e o Concello de Santiago para amosar as dificultades coas que se atopan a diario as persoas con mobilidade reducida.

Nesta ocasión, o percorrido fíxose na contorna da estación do ferrocarril, para "mostrar que os grandes proxectos, como o que está en marcha para a construción da intermodal, deben ser afrontados sempre dende a óptica de accesibilidade", tal e como sinalou o edil de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte.

Na actividade participaron parlamentarios e parlamentarias, así como representantes municipais, que observaron as dificultades en materia de accesibilidade no traxecto que separa a estación de ferrocarril do Parlamento galego. As persoas participantes recoñeceron a complexidade de usar a cadeira de rodas, sobre todo á hora de cruzar nun paso de peóns, salvar diferentes obstáculos ou percorrer pendentes usando só a forza dos brazos.

Accións
O Concello de Santiago desenvolveu nos últimos meses accións para eliminar barreiras arquitectónicas como rebaixes de pasos de peóns, eliminación de vados peonís ou substitución de banzos. As actuacións executáronse tanto no ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica como no resto da cidade e nas zonas rurais, concretamente no cruce co viaduto da Rocha.

Compartir: