POLÍTICAS SOCIAIS

Os centros cívicos e escolares súmanse á campaña de doazón de órganos "7 vidas"

19/09/2018 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, deu conta hoxe da campaña de Alcer Coruña para o fomento da doazón de órganos que leva por nome "7 vidas". Na rolda estivo acompañada polo vocal da Asociación, Alfredo Saborido.

Esta campaña vén a complementar as actividades que desenvolveu a delegación coruñesa da Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril, en colaboración co Concello, durante o mes de xuño nos centros cívicos de Santa Marta e de Fontiñas. "É fundamental -indicou a concelleira- que a veciñanza sexa consciente de que doar órganos salva vidas".

Alfredo Saborido explicou que a campaña ten catro accións principais. Unha primeira, que leva por nome #doaredoado e que consiste na difusión en lugares públicos de Compostela da campaña "Doar é doado, Concello de Santiago, concello doador" e que se desenvolverá no espazo universitario, nos servizos sanitarios, de ocio... para que poida chegar a cidadanía en xeral. Engadiu que "unha segunda estaría relacionada cos hábitos de mellora da autonomía persoal e da saúde". Esta terá lugar o 27 de setembro, a partir das 18:00 horas, no Centro Cívico de Vite.

A terceira parte da campaña desenvolverase nos centros de ensino, concretamente no Divino Maestro, Xelmírez I, Eduardo Pondal e San Jorge. Finalmente, tamén se levarán a cabo charlas-coloquios sobre doazón en espazos non sanitarios como os centros cívicos de Pontepedriña, Ensanche e Sar ou o Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga.

Algúns datos
No Estado español, ano a ano se vanse batendo récords de solidariedade e de doazóns. En 2016 alcanzáronse os 43,8 doadores por millón de poboación, cifra que se traduce en 2.018 persoas doadoras, a través das cales se realizaron 4.818 transplantes. En 2017 melloráronse esas cifras ata situarse en case 47 doadores por millón de poboación (2.183 en total) e 5.259 transplantes.

No caso galego, a mellora foi de 10 persoas por millón de habitantes en relación ás cifras do 2016, colocándose en 41,9 doadores. "Sen dúbida neste incremento teñen moito que ver as accións de sensibilización das distintas entidades que, como Alcer, buscan concienciar dos beneficios de doar", sinalou Concha Fernández. O responsable da entidade fixo fincapé "na alta taxa que temos en Galicia de negativas familiares, que dificultan moito que os transplantes se poidan levar a cabo cando se cumpren as circunstancias e condicións para elo".

Compartir: