MOCIDADE

Nace o proxecto "Jam de Barrio" para profesionalizar dous proxectos musicais emerxentes de Compostela

18/09/2018 A concelleira de Mocidade, Noa Morales, deu conta hoxe dunha nova actividade elixida nos Orzamentos Participativos Compostela Decide, que leva por nome Jam de Barrio. Na rolda estivo acompañada polo propoñente e coordinador da actividade, Xabier Mera.

Jam de Barrio ofrece durante tres meses obradoiros de profesionalización para proxectos musicais emerxentes de Compostela. Esta é unha actividade que, segundo Noa Morales, "responde á demanda dos grupos, bandas e artistas locais que precisan un pulo nos primeiros momentos da súa carreira musical". Por iso, a proposta foi unha das máis votadas, con 132,92 puntos nos orzamentos participativos de Mocidade.

A edila incidiu na importancia desta actividade, que vén a "completar o que levamos impulsado nas últimas festas, Apóstolo e Ascensión, co escenario Compostela é! Música, onde se dan a coñecer os/as artistas de Santiago". Definiu esta nova actividade como "unha nova oportunidade de fomentar o talento de Compostela".

A actividade ofrece un trimestre de ensaio e de traballo musical deseñado especificamente para cada banda e orientado por un músico ou música profesional en activo. O obxectivo final é traballar de cara á gravación dunha maqueta e á preparación dun concerto final. Poden anotarse bandas e solistas de música emerxentes, de ata 35 anos de idade de calquera estilo e sen obra comercial editada, agás traballos auto-editados. O proxecto presentado debe ter clara vocación de profesionalizarse na industria da música.

Inscrición
O prazo para anotarse vai do 15 ao 25 de setembro e será necesario cubrir o formulario en liña.

Serán seleccionados dous proxectos para realizar cadanseu obradoiro, e na selección serán tidos en conta os requisitos de inscrición, así como traxectoria e posibles gravacións previas do proxecto, e as razóns aducidas para participar. Os dous grupos escollidos serán informados o día 26 de setembro, vía correo electrónico e teléfono. O obradoiro desenvolverase de outubro a decembro.

Tres actividades
Os grupos comezarán con tres meses de coaching musical, grazas ao cal cada proxecto terá un ensaio semanal de dúas horas nos locais de ensaio do Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga. Os ensaios estarán dirixidos e asesorados por un/unha músico/a profesional galego/a en activo. A finalidade pasa por guiar no arranxo do repertorio actual do proxecto, especialmente naquel material que será gravado na maqueta final, e axudar a deseñar un espectáculo en directo e posta en escena da banda.

Durante o mes de decembro gravarase unha maqueta de ata catro temas ou 20 minutos máximo, realizada en estudo profesional. Cada proxecto recibirá como resultado os masters da música, para a súa distribución ou edición.
Finalmente, tamén en decembro, haberá un concerto final nun contexto profesionalizado e no que participarán tamén outros grupos profesionais da escena compostelá, cunha jam session final na que todas as bandas e solistas poidan tocar xuntos, facilitando así un itinerario para músicos afeccionados que queiran profesionalizarse.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: