ALCALDÍA

Santiago celebra a semana do Alzheimer cun congreso internacional de investigación e innovación

17/09/2018 O VI Congreso de Investigación e Innovación en Enfermidades Neurodexenerativas (CIIIEN), organizado pola Fundación Reina Sofía, Fundación CEN (Fundación Centro de Investigación en Enfermidades Neurolóxicas) e CIBERNED (Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Neurodexenerativas), reunirá esta semana en Santiago de Compostela a destacados investigadores nacionais e internacionais para poñer en común os principais avances no tratamento do Alzheimer, Parkinson e Huntington.

O Congreso foi presentado este luns no Concello de Santiago, que colabora con este evento. Na rolda de prensa, celebrada no salón vermello de Raxoi, o alcalde, Martiño Noriega, incidiu en que "calquera descubrimento no ámbito da ciencia é a esperanza para miles de persoas, tanto para os enfermos como para os seus familiares". Noriega, que ademais é médico de formación, quixo agradecer a elección da cidade compostelá e mostrar o respaldo institucional para o éxito deste Congreso, que se desenvolverá dende este mércores 19 ata o venres 21 de setembro na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela.

No acto, o alcalde estivo acompañado pola xerente da Fundación CEN e CIBERNED, María Ángeles Pérez, quen destacou a importancia destes encontros para "poñer en común os descubrimentos e avances sobre as enfermidades neurodexenerativas nos últimos anos". Tamén interveu o secretario da Fundación Reina Sofía, José Luis Nogueira, para quen este Congreso -cuxa edición de 2017 se celebrou en Lisboa en colaboración coa Fundación Champalimaud- é unha "referencia española na vangarda da investigación sobre enfermidades neurodegenerativas. Segundo lembrou, dende os seus inicios, este evento contou co compromiso e implicación persoal da S.M. a Raíña Dona Sofía, pois estamos convencidos de que a axuda aos afectados por estas enfermidades e ás súas familias pasa necesariamente pola esperanza da investigación", e lembrou que se trata de "un grave problema de todos que require de todos para a súa solución".

Pola súa parte, José Luis Labandeira, investigador de CIBERNED e profesor da USC, resaltou o valor de traballar en redes científicas como CIBERNED, para "compartir e incrementar o coñecemento que nos permite achegarnos á cura destas enfermidades". En representación do tecido asociativo participou Jesús Rodrigo, director executivo de CEAFA (Confederación Estatal das Asociacións), quen subliñou a importancia de que a investigación estea sempre en diálogo coa vertente socio-sanitaria.

O Congreso inaugurarase este mércores 19 de setembro, coa presidencia da S.M. a Raíña Dona Sofía, presidenta da Fundación Reina Sofía. Durante as tres intensas xornadas do Congreso sucederanse os relatorios de referentes mundiais como Harald- Jürgen Hampel (Universidade da Sorbona, Francia), que disertará, na súa lección inaugural, sobre os desenvolvementos na medicina de precisión para a enfermidade de Alzheimer; Michael T. Heneka (Centro de Investigación Médica da Universidade de Bonn, Alemaña), que incidirá na relación entre os aspectos innatos do sistema inmunolóxico e a enfermidade de Alzheimer, e Adriano Chiò (Universidade de Turín, Italia), quen profundará nos avances recentes en investigación da ELA (Esclerose Lateral Amiotrófica).

Ademais da intervención do director científico de CIBERNED, Jesús Ávila, o Congreso contará con relatores españois de prestixio internacional, entre eles Isabel Fariñas (Universidade de Valencia), cuxa relatorio se centrará nos efectos de determinadas proteínas extracelulares nas células nai); Ángel Carracedo (Universidade de Santiago), cun traballo sobre a procura de xenes involucrados en enfermidades neurodexenerativas, e o catedrático José Luis Labandeira-García (Universidade de Santiago).

Encontro previo coas Asociacións de Alzheimer
Como antesala do Congreso, mañá martes, celebrarase tamén a Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, o simposio "A investigación socio-sanitaria na enfermidade de Alzheimer e outras demencias", organizado polo Centro de Referencia Estatal de atención a persoas con enfermidade de Alzheimer e outras demencias do Imserso (CRE Alzheimer) xunto coa Confederación Española de Asociacións de Familiares de Alzheimer ( Ceafa) e co apoio da Fundación Reina Sofía.

Programa cultural contra o Alzheimer
A semana do Alzheimer completarase cunha axenda cultural na que destacan a inauguración, o mércores 19 de setembro, na sede da AFundación Obra Social Abanca, da exposición Alzheimer: o Camiño da memoria. A mostra reúne obxectos que pertenceron ao Premio Nobel de Medicina Santiago Ramón e Cajal, xunto con paneis explicativos dos mecanismos cerebrais implicados na enfermidade de Alzheimer. A explicación inclúe, ademais, unha serie de fotografías que ilustran a viaxe de Málaga a Santiago de Compostela do xornalista Antonio Ortín (Diario Sur) e do fotógrafo Alejandro Furtado (Fotografía).

No seu traxecto visitaron as asociacións de familiares que ao longo dos distintos municipios pola que transcorre a ruta traballan no coidado e atención dos enfermos de Alzheimer. A exposición está comisariada por Enrique Viguera, Ana Grande e Antonia Gutiérrez (Universidade de Málaga), Agnès Gruart (Universidade Pablo de Olavide) e Javier Cudeiro (Universidade da Coruña). O xoves 20 de setembro terá lugar, no Parador Hostal dos Reis Católicos, un concerto de música medieval a cargo de Martin Codax. A S.M. a Raíña Dona Sofía asistirá a estes actos.

Direccións relacionadas



Compartir: