POLÍTICAS SOCIAIS

A Fundación Granell acolle dende este venres e ata o 14 de outubro a exposición "Vexo ao meu xeito"

14/09/2018 Este venres tivo lugar o acto de inauguración dun proxecto fotográfico que leva por título Vexo ao meu xeito, para sensibilizar e visibilizar a discapacidade visual. Na inauguración estivo a edila de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, acompañada de Matías Sánchez e Mateo Liébana, autores do proxecto fotográfico, e de Lourdes Díaz, presidenta da Asociación Tiresias Galicia.

Vexo ao meu xeito nace coma o proxecto de dúas persoas, Matías Sánchez e Mateo Liébana, apaixonadas polo mundo da fotografía, que sendo conscientes da importancia de dar a coñecer a realidade das persoas con baixa visión, deciden unirse para dar a coñecer e sensibilizar á sociedade a realidade deste colectivo. O obxectivo do traballo é a visualización social do día a día das persoas con discapacidade visual, a realidade percibida por miles de persoas que teñen dificultades para ver ben.

Este proxecto de fotografía é o resultado do taller fotográfico Cores marcianas, realizado entre febreiro e xuño de 2017 en Madrid, no que participaron Mateo e Matías. Entre setembro e outubro do mesmo ano, realizouse o mesmo taller en Santiago de Compostela, e grazas a esta relación é posible hoxe ver este resultado final.

Rematará o acto coa actuación dunha das mulleres máis solidarias, implicadas, e loitadoras contra as inxustizas e desigualdades, e unha das mellores voces do noso país, Uxía.

A exposición estará aberta ao público do 14 de setembro ao 14 de outubro, en horario de martes a xoves de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00, e os venres e sábados de 11:00 a 14:00 horas. Os domingos, luns e festivos permanecerá pechada.

Compartir: