DEREITO Á VIVENDA

O Concello incentiva o alugueiro residencial de vivendas baleiras cunha convocatoria propia de subvencións

10/09/2018 As axudas municipais para a mobilización de vivendas en alugueiro permitirá cubrir a metade dos gastos de pequenas reparacións e acondicionamento dos pisos, o custo do certificado de eficiencia enerxética e unha cantidade similar á do imposto de bens inmobles. Estas subvencións pretenden "incentivar que a propiedade poña as súas vivendas baleiras a disposición das familias, apartándose do mercado turístico que segue á alza e que motiva un aumento dos prezos do alugueiro en Compostela".

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade presentou hoxe as bases da convocatoria de subvencións para a mobilización de vivendas en alugueiro, aprobadas na Xunta de Goberno do pasado venres. Jorge Duarte reiterou "a preocupación do Goberno polos problemas de vivenda en Compostela, que nos impulsa a adoptar medidas que incentiven o alugueiro a residentes".

As axudas presentadas hoxe están destinadas a titulares de vivendas que as queiran poñer no mercado de alugueiro "respectando os prezos de alugueiro estipulados polo Goberno en función do número de habitacións e a localización do piso, e que serían dun máximo de 600 euros para unha vivenda de tres habitacións na cidade histórica". As subvencións contemplan tres conceptos: o 50% do custo da execución de actuacións de conservación e mantemento e reparacións puntuais da vivenda orzadas nun máximo de 3.500 euros; o custo da emisión do certificado de eficiencia enerxética, ata 250 euros; e o custo equivalente a tres veces a cota do imposto de bens inmobles devindicado do exercicio inmediatamente anterior ao da solicitude, ata un máximo de 1.800 euros. Deste xeito, a contía máxima da axuda municipal sería de 3.800 euros, que os beneficiarios percibirían mediante tres pagos anuais correspondentes a unha terceira parte da axuda total.

Jorge Duarte lembrou que o Concello ten asinado o convenio coa Xunta para formar parte do seu programa de mellora do acceso á vivenda do Plan ReHaluga, "pero o Goberno quería dar un paso máis alá e ampliar a posibilidade de acceder a axudas". Nesta liña, o concelleiro de Espazos Cidadáns explicou que "as subvencións autonómicas teñen o límite do prezo de alugueiro en 350 euros, que é amplamente superado no mercado de Compostela, e están pensadas para persoas en risco de exclusión ou con niveis de renda moi baixa". No caso das axudas municipais, explicou o edil, "haberá requisitos de renda, pero o límite será de 3,5 veces o salario mínimo interprofesional".

A convocatoria de subvencións conta cun orzamento total de 60.000 euros para un período de tres anos, 20.000 euros por ano. Para acceder a elas, os titulares de vivendas baleiras deberán inscribirse primeiro na Bolsa Municipal de Vivendas Baleiras. O prazo para facelo será de 15 días a contar dende o día seguinte á publicación das bases no BOP. Despois, unha vez formalizado o contrato de alugueiro, o prazo para solicitar as axudas finalizará o 30 de novembro.

Áreas de Rehabilitación Integral
Jorge Duarte tamén se referiu á solicitude das axudas do Plan Estatal de Vivenda para o período 2018-2021, correspondentes ás Áreas de Rehabilitación Integral. O Goberno acordou solicitar un total de 10,4 millóns de euros para o período de vixencia do Plan. Desa cantidade, a maior partida sería para o barrio de Vista Alegre, con 2,2 millóns de euros solicitados para 384 actuacións estimadas. En Vite prevense 180 actuacións e solicítanse 2,5 millóns de euros; e nos grupos Compostela e Quiroga Palacios de Pontepedriña hai 144 actuacións estimadas e un orzamento solicitado de 2,1 millóns de euros. Por último, para a ARI da cidade histórica solicítanse 1,5 millóns de euros, para un total de 100 actuacións.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade mostrou o seu desexo de que a solicitude do Concello sexa atendida, "despois de que o ano pasado se nos concedera só a metade da cifra solicitada para as ARIS, 1,4 millóns de euros". Jorge Duarte incidiu en que "seguen sendo moitas as persoas que non poden nin saír das súas casas por problemas de mobilidade, e o Plan Estatal debe responder a estas necesidades" O edil tamén adiantou que a Xunta de Goberno desta semana "aprobará unha prórroga para que as obras correspondentes ao anterior Plan poidan rematarse ao longo de 2019, e non en 2018 como estaba previsto inicialmente".

Direcciones relacionadas



Compartir: