ALCALDÍA

O alcalde compostelán solicita unha reunión co presidente da Xunta para repasar cuestións pendentes na cidade

07/09/2018 O alcalde vén de remitirlle unha carta ao presidente da Xunta para solicitarlle a celebración dunha xuntanza "na que facer balance da relación institucional entre Concello de Santiago e Goberno galego, e na que repasar os asuntos que lle afectan á Compostela e que son competencia autonómica". Martiño Noriega lembrou que o seu último encontro con Alberto Núñez Feijóo foi en marzo de 2017, "ao pouco de iniciarse a lexislatura galega, e cremos que toca analizar as cuestións pendentes e aquelas nas que se teñen dado importantes pasos nos últimos meses".

O alcalde explicou que "no último curso político da actual Corporación municipal queremos facer repaso dos asuntos pendentes, pero tamén poñer sobre a mesa novos horizontes e novos proxectos para a capital de Galicia". Martiño Noriega mostrou o seu interese por abordar co presidente da Xunta cuestións relacionadas co financiamento da capitalidade, "que seguimos considerando insuficiente", as infraestruturas e os equipamentos, as políticas sociais, o rural e o medio ambiente, e a gobernanza do turismo, "un debate que abrimos no seu momento e que consideramos que segue sen estar resolto".

Novas propostas
O alcalde salientou tamén que é a súa intención "informar persoalmente ao presidente da Xunta do novo escenario aberto en relación á futura EDAR de Santiago, despois de que o Ministerio para a Transición Ecolóxica desbotara definitivamente a localización do Souto e mostrara a súa intención de avanzar no proxecto da Silvouta". Ao respecto, mostrou o seu desexo de que "o Goberno galego garanta o seu compromiso con esta infraestrutura, que debe solventar un problema histórico de Compostela".

Entre as propostas novas a abordar con Alberto Núñez Feijóo, o alcalde referiuse á Cidade da Raqueta, "para a que xa temos un anteproxecto, e para a que queremos procurar financiamento, tamén autonómico". Ademais, o alcalde pretende levar á reunión co presidente da Xunta "o ofrecemento duns terreos anexos ao Hospital Clínico para a construción dun novo parking que solucione os problemas históricos do CHUS ao respecto do aparcamento". En canto á futura residencia de maiores de Fontiñas, Martiño Noriega mostrouse convencido de que "neste mes quedará asinado o convenio coa Consellería de Benestar Social para o desenvolvemento do proxecto".

O alcalde tamén quixo salientar "os pasos dados para desbloquear moitas cuestións que arrastraba Santiago desde hai anos, e para as que houbo colaboración institucional tanto coa Xunta como co Goberno do Estado, como a construción da intermodal, a conexión coa AP-9, a construción da variante de Aradas ou o enlace orbital".

Compartir: