ALCALDÍA

Santiago estuda asumir o reto lanzado por Greenpeace para converterse nunha cidade máis sostible

06/09/2018 Santiago é unha das dez cidades escollidas por Greenpeace para poñer en marcha "unha revolución urbana que quere transformar as cidades en espazos máis sostibles e máis amigables". O alcalde reuniuse hoxe con representantes da organización ecoloxista para coñecer o reto, e para dar conta das iniciativas que xa se veñen desenvolvendo ao respecto. No caso de Compostela, as demandas realizadas por Greenpeace teñen que ver con dous temas concretos: a mobilidade e os hábitos de consumo.

O alcalde, Martiño Noriega, e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, reuníronse hoxe coa directora de Programas de Greenpeace-España, Cecilia Carballo; a coordinadora da área de Consumo da organización, Celia Ojeda; e o responsable de Greenpeace en Galicia, Manoel Santos. A xuntanza serviu para analizar o reto lanzado pola entidade ecoloxista e as accións que xa ten impulsadas o Goberno para facer de Compostela unha cidade máis sostible.

A directora de Programas de Greenpeace explicou que "Santiago foi seleccionada para este reto polo seu tamaño, porque é un escaparate internacional, porque ten un Goberno que xa está traballando na liña da sostenibilidade e porque cremos que hai unha demanda social de transformacións". Cecilia Carballo explicou que, no caso de Compostela, o reto de Greenpeace atende a dous ámbitos: a mobilidade e o consumo.

Mobilidade e consumo sostibles
No relativo á mobilidade, Greenpeace demandará "medidas para reducir a contaminación derivada dos coches e para transformar a maneira na que as persoas utilizan os vehículos privados". Nesa liña, Cecilia Carballo valorou moi positivamente algunhas iniciativas xa desenvolvidas, como "a redución da velocidade máxima permitida nas rúas do Ensanche".

En canto aos hábitos de consumo, a directora de Programas de Greenpeace apuntou que "o obxectivo é impulsar medidas que freen o consumo consumista, que promocionen espazos de economía local, e que fomenten a reparación e a reutilización como alternativas á compra".

No reto de Greenpeace, ademais de Santiago, participarán as cidades de Albacete, Barcelona, Madrid, Palma de Mallorca, Pamplona, Sevilla, Soria, Valencia e Zaragoza. A organización ecoloxista pon en marcha esta campaña para "converter as cidades en espazos sostibles, que aborden cuestións como a xestión dos recursos naturais, a mitigación dos gases de efecto invernadoiro e outras formas de contaminación como unha prioridade".

Compartir: