ACCIÓN CULTURAL

Catro artistas galegas participarán nas residencias artísticas do proxecto europeo Wom@rts

05/09/2018 Máis de 30 artistas europeas foron convocadas a participar nas residencias artísticas que o proxecto Wom@rts desenvolverá do 10 de setembro ao 24 de outubro nas cidades de Avilés (España), Angoulême (Francia) e Limerick, (Irlanda). Entre elas, cóntanse catro creadoras galegas: Mery Pais (Santiago de Compostela, 1990), Teresa Búa (Muxía, 1991), Xulia Vicente (Cariño, 1993) e Haya Blanco (Santiago de Compostela, 1984).

Entre 2019 e 2020, as obras resultantes das residencias serán incluídas nunha exhibición itinerante e transmedia titulada O segundo sexo, en homenaxe ao coñecido ensaio de Simone de Beauvoir no 70 aniversario da súa primeira publicación. A exposición chegará ao Auditorio de Galicia a finais do 2019.

A iniciativa foi presentada esta mañá na Casa do Concello nunha rolda de prensa na que participaron a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, e tres das artistas participantes en Wom@rts, as creadoras Mery Pais, Teresa Búa e Haya Blanco.

Branca Novoneyra puxo en valor o carácter ambicioso e ilusionante deste proxecto, que vai máis alá de denunciar a situación de desigualdade das mulleres nas artes e procura xerar espazos e accións reais para mellorar a súa visibilidade e recoñecemento na contorna artística, fornecéndoas de mecanismos para partillar o seu traballo, foros de creación para dar lugar a novas obras e plataformas para a súa distribución.

Na mesma liña, o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, insistiu na necesidade de reivindicar e visibilizar o papel activo das mulleres nas artes, como creadoras e distribuidoras de cultura, e lonxe de posicionamentos que as relegan a obxectos de representación e inspiración.

López salientou a importancia de difundir o traballo das creadoras para rachar coa dominancia masculina nos referentes da contorna artística e promover o coñecemento de importantes figuras femininas, que non só poden servir de modelo e estímulo para as novas creadoras, senón que tamén diversifican e amplían os xeitos e discursos de representación. Nese obxectivo, o director do Auditorio puxo en valor a actuación en rede que formula o proxecto Wom@rts, tanto na participación de diferentes institucións europeas como no traballo colaborativo e constante de numerosas artistas.
A concelleira e o director xerente do Auditorio coincidiron en destacar a calidade artística das autoras galegas que participan en Wom@rts e convidaron aos medios a dar difusión a estas e outras accións que estar por vir.

Wom@rts é un proxecto plurianual de cooperación financiado polo programa Europa Creativa, que procura pór en valor e fomentar a creatividade das mulleres dende unha perspectiva intersectorial. Dirixido polo Auditorio de Galicia, desenvólvese entre 2017 e 2021, e nel participan diferentes organizacións públicas e privadas sen ánimo de lucro, como a Fundación Municipal de Cultura do Concello de Avilés, a rede escandinava WIFT (Mulleres en Cinema e Televisión), o Concello de Vilnius (Lituania), o Centro Audiovisual Simone de Beauvoir e a Communauté d’Agglomération du Grand Angoulême (Francia), a Escola Limerick de Artes e Deseño (Limerick Institute of Technology, Irlanda), o Hay Festival de Literatura e Artes (Reino Unido), a Academia Universitaria de Artes Aplicadas en Rijeka (Croacia) e o museo UGM Maribor (Eslovenia).

Direcciones relacionadas



Compartir: