ALCALDÍA

O Concello colabora no I Maxistral de Xadrez Cidade de Compostela

04/09/2018 Do 5 ao 13 de setembro, o comedor do Pazo de Fonseca acollerá o I Maxistral de Xadrez Cidade de Compostela, un evento que conta coa colaboración do Concello. O alcalde, Martiño Noriega, participou hoxe na presentación do torneo, nunha rolda de prensa na que salientou que "esta competición servirá para ir quecendo motores de cara ao Mundial de Xadrez nas categorías sub-8, sub-10 e sub-12, que se celebrará en Santiago no próximo mes de novembro".

O I Maxistral de Xadrez Cidade de Compostela foi presentado polos presidentes das federacións galega e española de Xadrez, Gaspar Pérez e Javier Ochoa; o presidente da Caixa Rural Galega, Manuel Varela, e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López.

O torneo celebrarase do 5 ao 13 de setembro. Neses días enfrontaranse os mellores xadrecistas galegos cos mellores xadrecistas mundiais, para disputárense os títulos de Mestre Internacional e Gran Mestre Internacional. Este é o título de máis alto rango concedido pola Federación Internacional de Xadrez.

O Maxistral está deseñado como torneo fechado, con dez xogadores que loitan entre eles en sistema de liga. As partidas desenvolveranse o día 5 de setembro a partir das 14:00 horas; do día 6 ao día 12 a partir das 16:30 horas; e o día 13 a partir das 9:30 horas. Serán sempre no comedor do Pazo de Fonseca, e o público poderá acceder dende o xardín. Tamén se poderá seguir en liña, a través da web chess24.com.

Grandes xadrecistas
No torneo participarán tres xogadores galegos que xa teñen a consideración de Mestre Internacional: Roi Reinaldo, Julio Suárez e o compostelán Diego Suárez, que conseguirían o título de Grande Mestre se conseguen 6,5 puntos nas 9 partidas do Maxistral. Pola súa banda, os composteláns Luis Medarde e Fernándo Sánchez competirán por acadar o título de Mestre Internacional, sempre que cheguen aos 5,5 puntos nas 9 roldas.

Entre os xogadores invitados pola organización destacan catro Grandes Mestres Internacionais: os arxentinos Sandro Mareco e Fernando Peralta, o letón Illmars Starotsis e o rumano Marius Manolache. Tamén participará o español Calos Suárez, que tamén loita polo título de Gran Mestre Internacional.
O I Maxistral Cidade de Compostela conta co apoio do Concello de Compostela, da Universidade de Santiago de Compostela, de Galicia Calidade, da Caixa Rural e da Federación Galega de Xadrez.

Compartir: