MOBILIDADE

A rúa de Clara Campoamor será un bulevar urbano con amplos espazos para a mobilidade peonil e ciclista

04/09/2018 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade presentou hoxe o anteproxecto elaborado pola empresa Proyfe, adxudicataria da redacción do proxecto básico de reurbanización da rúa de Clara Campoamor. Jorge Duarte explicou que a proposta persegue, ademais de dar servizo á futura estación intermodal, "darlle ao viario o tratamento de rúa urbana, mellorar a conectividade peonil e favorecer a mobilidade ciclista". A partir de agora, a empresa e o Concello traballarán para definir o proxecto de reurbanización.

O concelleiro de Espazos Cidadáns incidiu en que "a construción da estación intermodal obriga a facer unha transformación de todo o seu contorno, que aproveite as súas potencialidades e que resolva as problemáticas existentes". Nesa liña, Jorge Duarte sinalou que "a infraestrutura conformará unha nova fachada urbana, e a rúa Clara Campoamor converterase nunha especie de miradoiro sobre as Brañas de Sar e o Monte Gaiás". Por iso, a proposta de Proyfe "cumpre co requisito do Goberno de que este viario tivera un tratamento urbano e non a consideración de periférico, e iso obriga a mellorar a accesibilidade peonil e a adoptar medidas para que se reduza a velocidade de circulación na rúa". O obxectivo, explicou Duarte, "é que Clara Campoamor deixe de ser un viario estruturante do tráfico, para que os vehículos de paso utilicen o túnel do Hórreo".

Proposta de ordenación
O anteproxecto de Proyfe recupera a configuración orixinal da rúa de Clara Campoamor cun carril para cada sentido de circulación, "tal e como foi deseñado o viario, se ben despois se ampliou a catro carrís por mor das obras no túnel do Hórreo". Os dous carrís estarán separados por elementos vexetais intermedios, e contemplaranse carrís de incorporación á altura da entrada e da saída da futura estación de autobuses. As beirarrúas veranse notablemente ampliadas, e na marxe máis próxima ao parque das Brañas de Sar crearase un carril bici.

A conexión da rúa coa futura estación intermodal, e máis en concreto coa plataforma peonil cuberta, farase cunha nova praza pública, que "tamén servirá para mellorar os fluxos cara o barrio de Pontepedriña e cara as Brañas de Sar". Tamén se actuará no contorno da rotonda de Sar, que "presenta deficiencias no que ten que ver coa conectividade peonil".

O proxecto de reurbanización da rúa de Clara Campoamor está orzado nun millón de euros. A previsión de Jorge Duarte é que o proxecto estea aprobado antes de que acabe o ano para iniciar a licitación. O prazo das obras é de 9 meses, "de xeito que o novo viario estará rematado de forma paralela á estación de autobuses, que ten un prazo de execución de 18 meses".

Compartir: