ALCALDÍA

O alcalde móstralle o seu apoio ao persoal do 061

03/09/2018 O alcalde recibiu hoxe aos/ás representantes da Xunta de Persoal do 061 na área de Santiago. Martiño Noriega mostroulles o seu apoio aos traballadores e traballadoras, que se atopan en folga indefinida para reclamar unha compensación xusta polo traslado forzoso dos seus postos dende Santiago á Estrada.

O alcalde lembrou que o Pleno da Corporación ten aprobado, en setembro de 2015, unha moción para rexeitar o traslado á Estrada do 112, que xa se executou, e do 061, previsto para o próximo mes de outubro. Martiño Noriega incidiu en que "este traslado forzoso non está xustificado, porque non vai mellorar de ningunha maneira o servizo que se presta a día de hoxe, e que está prestixiado e é moi ben valorado pola cidadanía". O rexedor lamentou que, ademais, esta medida se adopte "sen compensar ás 200 familias que se verán afectadas pola decisión, que teñen a súa vida organizada na contorna de Santiago, e que agora terán que ir traballar á Estrada sen que haxa nin sequera un verdadeiro diálogo con elas".

Na reunión de hoxe participaron Mario Otero, presidente da Xunta de Persoal do 061, e Alexis Rey, presidente do comité de empresa do Grupo Norte, que xestiona o centro de chamadas de Urxencias Sanitarias de Galicia. Os dous expresaron o agradecemento dos traballadores e traballadoras polo apoio do alcalde, e reiteraron que "Santiago, como capital de Galicia que é, debera manterse como sede das urxencias e emerxencias da Comunidade".

Compartir: