ALCALDÍA

A Universidade da Coruña súmase ao desenvolvemento do proxecto Smartiago

30/08/2018 O alcalde, Martiño Noriega, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinaron hoxe o convenio de colaboración para o desenvolvemento do proxecto de fomento da compra pública innovadora, Smartiago. Os dous salientaron a oportunidade que supón este programa para que o coñecemento xerado no Sistema Universitario Galego sexa aproveitado polas institucións públicas e polo conxunto da sociedade.

O convenio asinado hoxe coa Universidade da Coruña é similar e complementario ao que foi subscrito no seu día coa Universidade de Santiago. O proxecto Smartiago, financiado na súa primeira fase con máis de cinco millóns de euros de fondos europeos, procura solucións innovadoras na prestación de servizos públicos como a recollida e tratamento de residuos, a mobilidade e a iluminación pública.

O alcalde incidiu en que "para as institucións públicas é fundamental o coñecemento que poden achegar as universidades galegas, e o Concello de Santiago precisa do conxunto do Sistema Universitario Galego para desenvolver o programa Smartiago". Martiño Noriega explicou que o convenio asinado hoxe coa Universidade da Coruña é "complementario do firmado coa Universidade de Santiago, e permitirá chegar a algúns ámbitos nos que a USC sinalou que non podería atender".

Pola súa parte, o reitor da UdC recoñeceu a súa satisfacción por colaborar no desenvolvemento do programa de compra pública innovadora, porque "o Smartiago é un proxecto que vai ser referencia, non só en Galicia senón tamén a nivel internacional". Julio Abalde defendeu a necesidade de que o Sistema Universitario de Galicia "traballe de forma colaborativa ao servizo do país, e de que cada universidade colabore con todas as institucións posibles, máis alá do seu ámbito xeográfico máis próximo".

Proxecto Smartiago
Santiago foi a primeira cidade do Estado en asinar un convenio co Ministerio de Economía para a captación de fondos europeos FEDER para o fomento da compra pública innovadora. Na primeira fase do proxecto, cun prazo estimado de catro anos, procurarase o desenvolvemento de solucións innovadoras para as tres liñas estratéxicas definidas no programa: xestión sostible e intelixente dos residuos sólidos urbanos, mobilidade intelixente sostible e alumeado ornamental intelixente para a conservación do patrimonio. O Goberno local xa ten presentadas estas liñas na Universidade de Santiago, co obxectivo de que os seus grupos de investigación traballen nas posibles solucións innovadoras.

Despois da primeira fase, e se se conseguen solucións satisfactorias, o Concello implantaríaas nos servizos municipais, converténdose en primeiro cliente dos grupos de investigación e, ao tempo, en socio parceiro que cobraría royalties se outras administracións contratan as mesmas tecnoloxías.

Compartir: