EMPREGO

O Concello recibe unha subvención de máis de 150.000 euros para a posta en marcha dun novo obradoiro de emprego

28/08/2018 A Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia vén de notificarlle ao Concello de Santiago a concesión dunha subvención de máis de 150.000 euros para a posta en marcha dun novo obradoiro de emprego. Desta vez, o proxecto levarase a cabo en colaboración co Concello de Teo e permitirá desenvolver cadansúa actuación nos dous municipios: a rehabilitación da vella escola unitaria de Amio en Compostela e a creación do servizo multimedia de información municipal e participación veciñal en Teo.

O obradoiro de emprego HabiliTS vaise desenvolver ao longo de seis meses, e contará con 16 alumnos/as-traballadores/as. As especialidades que se van impartir serán as de desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web e a de revestimentos continuos en construción. A súa principal novidade é a convocatoria conxunta dos concellos de Santiago e Teo, no marco da colaboración entre dous municipios limítrofes. En Compostela vaise rehabilitar a antiga escola unitaria de Amio para centro BTT, un proxecto para o que o Concello achegará 50.000 euros de fondos propios.

A subvención concedida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria é de 154.262,40 euros.

Compartir: