XUNTA DE GOBERNO

Resolta a convocatoria de residencias para proxectos de artes escénicas na Sala Agustín Magán

24/08/2018 A Xunta de Goberno aprobou hoxe a resolución da convocatoria de residencias de creación artística e estadías técnicas para proxectos de artes escénicas na Sala Agustín Magán. Ata o mes de marzo, serán catro as compañías que utilicen ese espazo do centro cívico de Santa Marta.

Esta é a terceira convocatoria das residencias de creación artística e estadías técnicas, que están a ter moi boa acollida por compañías e creadores de toda Galicia. Desta vez, a Sala Agustín Magán será utilizada por Teatro do Noroeste dende o 3 ao 21 de setembro, para o proxecto Da avaricia, a luxuria e a morte. Tomará o relevo Inversa Teatro, do 24 ao 28 de setembro, para a montaxe Sofía e as postsocráticas. Na queda do 27 de decembro ao 17 de xaneiro, o espazo de Santa Marta acollerá a Berrobambán, co proxecto Doppelgänger, e do 25 de febreiro ao 17 de marzo de 2019, a compañía residente será Os Monicreques de Kukas, con Arlequina. As compañías deberán programar cando menos unha actividade dirixida ao barrio de Santa Marta ou un paseo con público das obras nas que están a traballar.

Outros acordos
A Xunta de Goberno tamén acordou hoxe solicitar á Consellería de Política Social unha subvención para programas de inclusión. A cantidade requirida é de case 145.000 euros, que se repartirán a partes iguais entre os programas de desenvolvemento integral do colectivo xitano, inclusión social de colectivos en risco de exclusión e inclusión social de menores.

Hoxe tamén se aprobou a apertura do procedemento de adxudicación dunha acción formativa no manexo de smartphones e tablets, dirixida a persoas maiores. A actividade ten un orzamento de case 3.800 euros, e está financiada nun 75% con fondos FEDER, no marco do proxecto Atlantic Social Lab.

Por último, a Xunta de Goberno aprobou unha proposta da Alcaldía relativa ao patrocinio da celebración do XXVI rally Botafumeiro. O Concello de Santiago destinará 30.000 euros a esta histórica proba, que volve ao calendario do deporte do motor despois de catro anos de parón.

Documentos relacionados



Compartir: