XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local duplica o orzamento anual para as rozas de fincas e viarios

24/08/2018 A Xunta de Goberno acordou hoxe iniciar a licitación do novo contrato para a roza, limpeza e mantemento dos viarios e parcelas municipais. Será unha adxudicación por dous anos, cun orzamento total de case 800.000 euros. Deste xeito, duplícase a asignación que viña sendo habitual para estes traballos.

A alcaldesa en funcións, María Rozas, deu conta dos acordos da Xunta de Goberno. Entre eles, salientou o inicio da licitación do novo contrato de rozas, que "se adxudicará por un período de dous anos prorrogable por outros dous, e que suporá un notable incremento do orzamento destinado historicamente a estes traballos". O expediente prevé destinar 790.000 euros ás rozas, limpeza e mantemento das marxes de viarios, carreiros fluviais e parcelas municipais no período 2018-2020.

María Rozas lembrou que "o contrato herdado do anterior mandato contemplaba un orzamento de 200.000 euros anuais, cantidade insuficiente para afrontar algúns traballos como as limpezas das pistas forestais que coa nova adxudicación serán máis viables".

Reanualización de obras
A alcaldesa en funcións explicou que a Xunta de Goberno tamén acordou hoxe reanualizar os orzamentos de dúas obras que non serán completadas neste ano, para que as súas partidas poidan ser destinadas a outras actuacións. Trátase da Fase I da mellora de infraestruturas no Polígono de Vite e da Fase II da ampliación da ponte da Cañoteira de Marrozos, que pasarán a contemplarse no orzamento de 2019. O crédito liberado destinarase a actuacións prioritarias por risco de inundación, a rematar a rehabilitación da ponte vella de Vidán de Arriba, e á obra de mellora do viario de acceso a Lamascal.

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou a concertación dunha operación de préstamo de 3,6 millóns de euros para o financiamento de investimentos e transferencias de capital.

Documentos relacionados



Compartir: