OBRAS E MEDIO AMBIENTE

A reforma do parque da Constitución permitirá crear unha zona de skate de 1.500 metros cadrados

22/08/2018 A reforma do parque da Constitución permitirá crear un espazo para a práctica do skate de case 1.500 metros cadrados, ao tempo que porá en valor unha zona da cidade "moi deteriorada e infrautilizada". O proxecto de remodelación, xa aprobado en Xunta de Goberno, suporá un investimento de case 350.000 euros.

O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial, Rafael Peña, e o responsable de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, presentaron hoxe o proxecto de reforma do parque da Constitución. Os edís explicaron que esta actuación responde á necesidade de "recuperar para a veciñanza un espazo degradado, e de solucionar os problemas de convivencia entre os amantes do skate que utilizaban a praza da Constitución e os usuarios e usuarias do parque infantil localizado neste ámbito". Nesa liña, recordaron tamén que o proxecto "cumpre co acordo adoptado polo Pleno da Corporación para habilitar unha zona que puidera ser utilizada polos afeccionados ao skate en Compostela".

Situación actual
O parque da Constitución ocupa unha superficie de 8.300 metros cadrados na parte traseira do Parlamento de Galicia. Dentro del localízanse ata tres prazas diferenciadas: a da Constitución, a do Mirador e máis unha intermedia, conectadas con dous paseos peonís sen urbanizar. A maior das prazas, a da Constitución, ocupa 1.700 metros cadrados e dispón dunha pérgola con vigas de madeira e xardineiras, que na actualidade se atopa bastante deteriorada. Este espazo vén resultando atractivo para os patinadores e patinadoras da cidade, que "a utilizan no canto da área habilitada para eles nas proximidades e que ten quedado pequena e obsoleta". En canto á praza do Mirador, ten unha superficie de 640 metros cadrados, e "atópase en completo estado de abandono, a pesar de ser un excelente mirador cara a Cidade da Cultura". Entre estas dúas prazas existe unha terceira que está sen urbanizar, que acolle un parque infantil e elementos biosaudables e que da acceso ao Rexistro da Propiedade.

Zona de skate
O proxecto presentado hoxe contempla a creación dunha "skatepraza" que ocupará a liña oeste do parque, a carón do Parlamento, e o acondicionamento da praza do Mirador tamén para a práctica do skate. Ambas zonas suman unha superficie de case 1.500 metros cadrados, que "equivale á que utilizan na actualidade os patinadores e patinadoras".

A "skatepraza" estará organizada en tres niveis, con ramplas e escaleiras deseñadas para a práctica do skate, e con obstáculos e mobiliario axeitados para seren utilizados polos patinadores e patinadoras. Na zona da praza Mirador tamén se instalarán elementos que poderán ser empregados para patinar, como un flat bar ou un slappy, se ben "o uso desta zona estará regulado para evitar molestias nas oficinas localizadas xusto debaixo". En canto ao actual skatepark próximo ao parque, será substituído por un circuíto de street workout e calistenia, "dúas disciplinas de deporte ao aire libre que se basean na utilización do propio peso corporal e que están a gañar adeptos nos últimos anos".

O proxecto de reforma aprobado polo Goberno inclúe o acondicionamento da praza da Constitución, coa renovación da pérgola e a substitución do mobiliario urbano. Tamén se van instalar elementos que disuadan da práctica do skate neste punto. Ademais, traballarase na mellora dos accesos do parque, garantindo a súa accesibilidade.

A actuación presentada hoxe ten un orzamento estimado de case 350.000 euros. O prazo de execución previsto é de catro meses.

Compartir: