XUNTA DE GOBERNO

Luz verde ao gran contrato de mantemento de vías, que ascende a 5,7 millóns de euros en catro anos

10/08/2018 A Xunta de Goberno vén de aprobar o inicio do expediente do gran contrato de mantemento, que suporá un investimento de 5.747.498,79, IVE incluído, en catro anos (dous máis dous prorrogables). Así, o que se vai destinar ao ano sitúase en torno ao millón e medio de euros.

O rexedor lembrou que "partiamos dunha bolsa de 300.000 euros en 2015 e agora estamos superando o millón ao ano". Martiño Noriega incidiu en que tras acometer numerosas actuacións en materia de mantemento "con este gran contrato damos un salto cuantitativo e cualitativo que ten como obxecto rematar co debate sobre o estado das nosas vías e poñer a punto a cidade para o Xacobeo do 2021".

Este gran contrato virá acompañado doutro de rexeneración integral por importe de 750.000 euros e con outro tipo de actuacións vencelladas á limpeza de cunetas, rozas e arranxo de beirarrúas.

Outros asuntos
O Executivo local tamén aprobou hoxe o texto de varios convenios con entidades sociais e culturais da cidade por un importe total de 163.000 euros. Así, o convenio coa Fundación Eugenio Granell ten unha achega de 130.000 euros para que a entidade poida asumir os gastos de mantemento, funcionamento e a programación de actividades culturais e exposicións. O convenio coa Asociación Cultural Cidade Vella supón un desembolso municipal de 20.000 euros cos que o Concello contribúe a que a entidade siga desenvolvendo actividades culturais no municipio. Tamén se aprobaron os convenios con Música en Compostela, por importe de 5.000 euros, e coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí para desenvolver o programa "Vacacións en paz".

Na sesión de hoxe tamén se aprobaron as bases da convocatoria de concesión de dez cheques de consultoría para a adecuación de locais comerciais durante o ano 2018. Os cheques de consultoría consisten na posta a disposición dos comercios beneficiarios de servizos profesionais cuxo obxectivo é realizar unha avaliación interna do mesmo sobre as necesidades detectadas.

Documentos relacionados



Compartir: