POLÍTICAS SOCIAIS

Preto de 1.200 nenas/os solicitan as bolsas municipais de comedor, actividades extraescolares e material escolar

07/08/2018 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, deu conta hoxe do resultado da convocatoria de bolsas municipais de comedor escolar, actividades extraescolares e material escolar para o curso 2018/2019.

Tal e como lembrou a edila de Políticas Sociais, existen "dúas modalidades de bolsas, unha destinada a familias con escaseza de recursos económicos e outra para facilitar a conciliación". Dentro da primeira inclúense as bolsas de comedor escolar, material escolar e actividades extraescolares.

En total foron 1.196 nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos os que solicitaron incorporarse ao programa de bolsas municipais, o que supón que o 14% do censo total de persoas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos en Compostela solicitan incorporarse a este programa.

Concha Fernández indicou que "observamos un incremento notable do número de solicitudes en todas as modalidades en relación ao ano pasado, que oscilan entre o 5,6% de incremento nas solicitudes de bolsas de comedor, ata o 44% nas de conciliación". Nas de material escolar e actividades o incremento sitúase no 13%.

Novidades
Na convocatoria do curso 2018/2019 incrementouse a contía total do orzamento destinado a este programa, pasando dos 500.000 aos 585.900 euros, "o que supón un incremento do 17% en relación ao ano pasado, do 246% en relación ao primeiro ano deste mandato e de preto do 700% en relación ao último ano do mandato anterior".

Ademais, existe tamén un cambio nas contías, cun máximo de 90 euros ao mes para sufragar os gastos de comedor escolar, agás importes inferiores, e establécese un fixo de 30 euros para actividades extraescolares. Para o vindeiro curso escolar auméntanse igualmente as bolsas de conciliación, pasando de 50 a 70. Neste caso o importe sitúase nos 45 euros ao mes.

As contías das bolsas para a adquisición de material escolar mantense nun pago único de 60 euros e dependerá do gasto realizado.

Entre as novidades máis importantes está "a simplificación na xustificación por parte das entidades colaboradoras e a maior protección dos e das menores de idade que se atopen en situación de vulnerabilidade social", indicou a concelleira, que estivo acompañada na rolda de prensa polas técnicas municipais Ana Ares e Eva González.

Prazos a ter en conta
As persoas solicitantes terán agora do 8 ao 23 de agosto para emendar documentación. Para presentar o certificado de ter reserva de praza no centro escolar é suficiente con que no prazo anterior presenten unha declaración xurada ao respecto, dado que en agosto os centros están pechados. Xa en setembro (do 1 ao 10) deberase aportar o devandito documento.

Para presentar o xustificante de reserva en actividades extraescolares e datos da entidade que as implementa, o prazo remata o 10 de outubro.

Documentos relacionados



Compartir: