ACCIÓN CULTURAL

Destacadas personalidades do ámbito cultural europeo convértense en embaixadoras do Wom@rts

02/08/2018 Mercedes Peón e Paul Daniel son as figuras propostas polo Auditorio de Galicia para converterse en embaixadora e embaixador do Wom@rts, un proxecto de ámbito europeo liderado polo Auditorio no que participan diversas institucións públicas e privadas de diferentes procedencias e financiado polo Programa Europa Creativa.

Entre as accións estratéxicas desenvolvidas por Wom@rts na procura dunha presenza igualitaria das mulleres como figuras activas do eido artístico, está a creación dun corpo de artistas e intelectuais que contribúan a difundir a mensaxe e obxectivos do proxecto e tomen parte nos seus eventos destacados. Na primeira etapa desta iniciativa de cinco anos de duración, nove figuras eminentes de diferentes nacionalidades e ámbitos creativos súmanse ao proxecto para desenvolver estas tarefas.

Así, a investigadora eslovena Eva Dolar Bahovec, a periodista francesa Lauren Bastide, a escritora británica Laura Bates, a directora catalá Isabel Coixet, o director e músico británico Paul Daniel, a actriz croata Mira Furlan, a escritora madrileña Luna Miguel, a directora e música galega Mercedes Peón e a realizadora danesa Christina Rosenthal, conforman o grupo inicial dunha lista de embaixadoras que medrará ao longo do proxecto para incluír a demanda pola igualdade de xénero na axenda pública.

Wom@rts é un proxecto cooperativo de longa duración e sen ánimo de lucro que conta con financiamento do Programa Europa Creativa da Unión Europea. Dende unha perspectiva interdisciplinaria e intersectorial, a iniciativa procura unha presenza igualitaria das mulleres nas artes e busca favorecer a súa visibilidade, promoción e acceso aos mercados. Coordinado polo Auditorio de Galicia, Wom@rts congrega numerosas institución públicas e privadas como a Fundación Municipal de Cultura do Concello de Avilés, o finés WIFT (Women in Film & Television Finland), o Concello de Vilnius (Lituania), o Centro Audiovisual Simone de Beauvoir e a Communauté d’Agglomération du Grand Angoulême (Francia), o Instituto de Tecnoloxía de Limerick (Irlanda), o Hay Festival (Reino Unido), a Academia de Artes Aplicadas da Universidade de Rijeka (Croacia) e o museo UGM en Maribor (Eslovenia).

A web do proxecto (www.womarts.eu) contén información detallada da traxectoria das embaixadoras Wom@rts e doutras actividades e accións que ser realizarán nos próximos meses.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: