POLÍTICAS SOCIAIS

Rosa Cedrón, Luis Fercán ou Carmela Pequena colaborarán no I Concerto "NormalizAutismo"

26/07/2018 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, presentou hoxe o I Concerto Benéfico NormalizAutismo, que terá lugar o vindeiro 26 de setembro na Sala Capitol. Na rolda estiveron Isabel González, presidenta da OSAL NormalizAutismo Galicia; Rosa Cedrón, madriña do evento; e os artistas Luis Fercán e Jorge Casal.

O evento está impulsado por NormalizAutismo Galicia, unha entidade sen ánimo de lucro promovida por familiares e amigos de persoas con trastornos do espectro do autismo (TEA). O obxectivo deste concerto pasa por fortalecer o labor inclusivo das persoas con trastorno espectro autista na sociedade galega a través da música. Nesta gala benéfica combinaranse actuacións musicais cun labor de información ás persoas asistentes sobre as principais aptitudes e/ou dificultades que as persoas con trastorno espectro autista manifestan, para contribuír a unha convivencia mais inclusiva, aberta e bidireccional.

Os e as artistas convidadas intervirán dun xeito individual e colectivo mediante a participación e colaboración entre todos e todas. Así, acadaranse versións en acústico das melodías, linguas e voces nunca antes escoitadas polos amantes da música de autor e do son en acústico, tratándose esta iniciativa, polo tanto, dunha proposta específica no ámbito cultural no que se proxecta.

Rosa Cedrón, como madriña deste evento, estará acompañada doutros/as artistas galegos/as como Luís Fercán, Carmela Pequena, David Prado, Jorge Casal e Álvaro Iglesias. Outros/as artistas de ámbito estatal como Jorge Marazu, Txetxu Altube, Mäbu, Virginia Maestro, Siloé, Pablo Moreno, Pol 3.14 e Carlos Suárez, sumaranse coa súa colaboración a esta iniciativa de normalización e visualización do trastorno espectro autista.

Dende a data de hoxe as entradas estarán á venda on-line a través do portal Ticketea. A recadación deste concerto irá destinada integramente ao desenvolvemento de campañas informativas e de sensibilización para a mellor comprensión das afeccións que acompañan a este trastorno. Colaboran co proxecto o Concello de Santiago, Sónar Directo, Samaria Social e Beyla.

Compartir: