XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local abre un novo expediente á planta de tecnosolos de Miramontes

13/07/2018 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, asinou hoxe un decreto polo que se inicia o procedemento de declaración de ineficacia da comunicación previa de inicio de actividade na planta de tecnosolos de Miramontes. A apertura deste expediente prodúcese no mesmo día no que a Xunta de Goberno acordou sobreseer o procedemento de revogación da licenza de obras das instalacións "ante o perigo de que o expediente caducara antes de que a Xunta pechara as accións que ten en marcha en relación á mesma planta".

O alcalde lembrou que o procedemento de revogación de licenza que impulsou o Concello "ía paralelo ao expediente aberto en relación á canteira de Miramontes pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Xunta, que é quen ten a competencia de outorgar a licenza". Martiño Noriega explicou que "O Concello non pode pechar o seu expediente se antes non fai o propio a Xunta co que ten impulsado previamente, e corremos o risco de que caduque o procedemento municipal se o Goberno galego non se pronuncia en agosto". O rexedor insistiu en que "o sobreseemento do procedemento de revogación de licenza é unha cuestión meramente formal, porque o Goberno abriu hoxe mesmo outro expediente, neste caso en relación á declaración previa de inicio da actividade na planta de Miramontes".

No expediente impulsado hoxe enténdese que a actividade de tecnosolos nas instalacións é desenvolvida pola empresa Tecnosolos Galaicos S.L e non por Áridos CNC, que é quen tiña tramitada a comunicación previa de inicio de actividade. A empresa terá un prazo de 15 días para presentar as alegacións que considere oportunas.

Apoio á veciñanza da Grixoa
O alcalde lembrou que aínda hai outro expediente aberto en relación a Miramontes "que ten que ver co uso irregular dos accesos á planta". Nesa liña, lembrou que "o permiso que outorgou no seu día o Concello era para as empresas que explotaban a canteira de áridos orixinal, pero non para as que traballan cos tecnosolos, polo que cremos que eses camións de alta tonelaxe non deberían facer uso do viario".

Martiño Noriega reiterou "o total apoio do Concello de Santiago á veciñanza da parroquia de Grixoa, que vén denunciando as irregularidades que se suceden na planta de Miramontes".

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: