XUNTA DE GOBERNO

O Concello inicia os trámites para a futura construción da "Cidade da Raqueta" de San Lázaro

29/06/2018 A Xunta de Goberno deu hoxe un paso máis para a creación da futura "Cidade da Raqueta" de San Lázaro. Foi coa remisión á Xunta da solicitude para iniciar a avaliación ambiental previa á modificación do Plan Especial da parcela na que se localizarán as instalacións.

A alcaldesa en funcións, María Rozas, explicou que a parcela elixida para a futura construción da "Cidade da Raqueta" está localizada en San Lázaro, nas proximidades do estadio municipal, e xa está prevista para uso deportivo. Segundo apuntou, "a modificación do Plan Especial responde á integración dos volumes de construción previstos no anteproxecto". María Rozas explicou que "a Xunta ten un prazo de tres meses para remitir o seu informe de avaliación ambiental, e posteriormente abrirase o prazo para a presentación de alegacións".

A construción da "Cidade da Raqueta" no contorno de San Lázaro foi un compromiso que o Goberno adquiriu cos presidentes das Federacións Galegas de Tenis de Mesa, Bádminton e Squash. As tres entidades, que levaban anos demandando un centro deste tipo en Santiago, están a traballar na procura de fondos para o proxecto, en colaboración co propio Concello.

Festas do Apóstolo
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén quedou aprobada a programación das festas do Apóstolo, ás que se van destinar 657.000 euros. A alcaldesa en funcións explicou que "o programa aposta por fomentar a presenza feminina nos escenarios, por poñer en valor aos artistas migrantes, e por grandes nomes como Rubén Blades, Wolfmother ou Rosalía". A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, dará conta da programación en rolda de prensa a próxima semana.

Liquidación do servizo de transporte
Outro dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno de hoxe foi a aprobación da liquidación provisional das empresas de transporte urbano. Ao tempo, acordouse solicitar a subvención ao Ministerio de Facenda para o transporte colectivo urbano interior. María Rozas sinalou que esta achega "adoita ser de 400.000 euros, para un servizo que custa 8 millóns de euros anuais".

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: