INFORMÁTICA

O persoal municipal prepárase para a chegada da Administración Electrónica

28/06/2018 O Concello de Santiago segue preparándose internamente para a implantación da Administración Electrónica, un ambicioso proceso de modernización que mudará a forma de organizar o traballo na administración local e a súa relación coa cidadanía. Os xefes e xefas dos diferentes departamentos municipais participaron nunha xuntanza explicativa, que nas vindeiras semanas se repetirá co resto do persoal do Concello.

O Goberno local ten en marcha o maior investimento na modernización da administración local da historia recente do Concello de Santiago, co obxectivo de avanzar nos compromisos en materia de transparencia, axilizar a relación da veciñanza coa administración, e facilitar o desenvolvemento do traballo por parte do persoal municipal. A implantación da Administración Electrónica require un tempo de adaptación, e suporá un sobreesforzo para todo o persoal municipal que esixirá unha grande aposta pola formación e información aos traballadores e traballadoras.

O Goberno municipal destinará máis de 1,8 millóns de euros á nova plataforma de Administración Electrónica, que permirá dotar ao Concello dunha sede electrónica, dun rexistro electrónico e dun novo xestor de expedientes. Tamén permitirá modernizar a xestión tributaria e de tesourería, ou a xestión do padrón de expedientes.

Compartir: