EDUCACIÓN

O Concello recoñece o labor do profesorado xubilado ao longo deste curso

28/06/2018 O Concello de Santiago rendiulle hoxe homenaxe ao profesorado e aos directores de centros de ensino de Compostela que se xubilaron ao longo deste curso. Foi nun acto celebrado no Salón Nobre do Pazo de Raxoi, presidido pola alcaldesa en funcións, María Rozas.

Ata 19 profesores e profesoras dos Centros de Educación Infantil e Primaria e de Centros de Ensino Secundario recibiron a distinción do Concello. Ademais de María Rozas, ao acto asistiron o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, e representantes dos catro grupos da Corporación Municipal. A alcaldesa en funcións quixo poñer en valor a profesión docente, "porque os mestres e mestras teñen un papel fundamental nas vidas dos nosos fillos e fillas, son unha parte moi importante da súa educación, e contribúen a definir que persoas serán no futuro". María Rozas tamén aproveitou o acto para "reivindicar a importancia do ensino público, un dos primeiros correctores de desigualdades sociais".

No nome do profesorado de Primaria homenaxeado interviu Pilar Sendón, do Ramón Cabanillas, mentres que Xosé López Santamarina, do Xelmírez I, tomou a palabra en representación do profesoradio de Secundaria.

19 docentes xubilados
Dos 19 profesores e profesoras homenaxeadas, 13 pertencen a centros de Educación Infantil e Primaria. Son Mª Concepción Nogueira López, do CEIP Apóstolo Santiago: Manuela Parada Brión, Pilar Sendón Lestón e Pilar Couto Torrado, do CEIP Cardenal Quiroga; Enrique Juan Martínez Gómez, do CEIP López Ferreiro; Manuel Arias Ramos, do Monte dos Postes; Manuel Freire García e Mª Carmen Suárez Bello, do Raíña Fabiola; e Mª Cruz Alvariño Alejandro, Joaquín Nogueira Barcia, Mª Isabel Louro Vilaseca, Mª Dolorez Vázquez Sexto e Marta Josefina Pazo Maside, do CEIP Ramón Cabanillas.
En canto aos centros de Ensino Secundario, recibiron o recoñecemento Marco Antonio Bernal Rivas, Manuel Cebrián Pérez, Xoana Mª López Beiras, Xosé López Santamarina e Demetrio Sarasquete Reiriz, do IES Arcebispo Xelmírez I; e Paz Leirós de la Peña, do IES Rosalía de Castro.

No acto, os profesores e profesoras xubilados estiveron arroupados polos directores e directoras dos seus centros, así como polos seus familiares. A parte musical da homenaxe correu a cargo do grupo da Orquestra Praeludium, formada por Gonzalo López, Manuel Fernández e Mateo Iglesias.

Direccións relacionadas



Compartir: