ACCIÓN CULTURAL

"A Cabeza Do Dragón" pecha as Xornadas de Música Contemporánea de 2018

27/06/2018 As Xornadas de Música Contemporánea pechan este ano coa peza teatral de Producións Excéntricas "A Cabeza do Dragón", de Ramón María del Valle Inclán, e o acompañamento musical en directo do Taller Atlántico Contemporáneo. Presentárono está mañá na Casa do Concello o director-xerente do Auditorio de Galicia Xaquín López, Quico Cadaval, director da compañía teatral, os membros do elenco Josito Porto, Patricia Vázquez e Yelena Molina; e Luís Soto, músico do TAC

A cita será na sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia o venres 29 as 20.30 h cun custo de 12 euros, cos habituais descontos dun 50% para persoas desempregadas, maiores de 65 anos, xubiladas, menores de 25 anos, estudantes, perceptoras de rendas sociais, familias monoparentais e familias numerosas. A venta de entradas será no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto de martes a sábado de 18 a 21 máis o día do evento; por teléfono no 981910522 ou a través de entradas.abanca.com

A peza conta a historia do príncipe Verdemar que expulsado do seu reino por desobediencia paterna e tras varias peripecias, chega o reino de Micomicón asolado por un terrible Dragón e onde a princesa Blancaflor, como dicta o costume en todas os contos, xogará un papel fundamental a hora do designio final do reino. A fábula maxistralmente manipulada polo autor esperpéntico, achega ao público temas tan contemporáneos como a función liberadora do riso, a corrupción política, a violencia machista ou a banalización do amor romántico.

Producións Excéntricas nesta ocasión conseguiu a colaboración de Baltasar Patiño, unha referencia no teatro español, para o espazo escénico e a iluminación. A indumentaria e o deseño gráfico veñen da man e da imaxinación de Suso Montero. Por outra banda, a música é unha partitura composta ex-profeso para este espectáculo por Javier María López e interpretada en directo polo TAC (Taller Atlántico Contemporáneo) formado por prestixiosos músicos, moitos deles profesores da Real Filharmonía de Galicia e que estará dirixido por Diego García Rodríguez.

Xornadas de Música Contemporánea
Esta proposta pecha as Xornadas de Música Contemporánea celebradas en Compostela dende o 6 deste mes de xuño. Un ciclo organizado polo Concello de Santiago, a USC, a Deputación da Coruña, o CGAC e o Consorcio de Santiago que, baixo o título "Música, Emoción e Memoria", este ano celebra a pegada e a obra de Enrique Xerardo Macías (1958 - 1995), compositor vigués que abriu a música galega a outras sonoridades e formou parte dos fundadores deste certame en 1987. Esta edición decidiuse trasladar o mes de celebración das xornadas á temporada estival para repartir a programación ao longo do ano e tamén para poder celebrar concertos ao aire libre.

Taller Atlántico Contemporáneo
O TAC recibe o Premio da Crítica Galega polo seu proxecto Os Seráns do TAC en 2013, ano no que lle outorgan o Premio na categoría de Música Clásica e Contemporánea nos Primeiros Premios Galegos da Música. O TAC iniciou a súa andadura en marzo de 2010 na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela coa obra de Mauricio Kagel Eine Brise, para 111 ciclistas. Quixo reivindicar dende un principio a proximidade que a música contemporánea pode ter para calquera tipo de público e a posibilidade de facer concertos introducindo novos elementos. En xuño do mesmo ano colocou un piano de cola no faro de Fisterra para interpretar integramente la obra de Satie Vexations, 18 horas ininterrompidas de piano.

Nesta ocasión contou coa colaboración de 27 pianistas. Paralelamente a este tipo de repertorio, abordou no Centro Galego de Arte Contemporánea un ciclo de seis concertos dedicados á musica de compositores galegos e escritos para diversas formacións de ensemble. Xa en 2011 continuou tamén no CGAC cun ciclo de tres concertos que achegou ao público unha pequena mostra do repertorio que se fixo fóra das nosas fronteiras dende mediados do século XX até a actualidade. Escolléronse obras de Crumb, Schnittke e Berio. En xullo do mesmo ano, actuaron no Festival Via Stellae co grupo Siniestro Total nun concerto conxunto (Land Of Opportunity) onde tocaron música da formación viguesa arranxada por Javier López de Guereña para o TAC. Ao longo de 2011 organizaron na Cidade da Cultura o ciclo Os Seráns do TAC que incluía música contemporánea, humor e gastronomía. O TAC é un grupo estable, de formación aberta e ten como director artístico a Diego García Rodríguez.

Producións Excéntricas
Producions Teatráis EXCÉNTRICAS é una empresa que se dedica á creación de espectáculos teatrais, de productos de entretenimento e outros obxectos culturais. EXCÉNTRICAS sirve como plataforma de produción a marcas como MOFA&BEFA, o duo cómico de Evaristo Calvo e VÍctor Mosqueira, aos espectáculos unipersoais de Quico Cadaval e a proxectos musicais de Piti Sanz.

Realizou servizos artísticos para televisións e institucions públicas, deseñaron sketches de entretenimento, programas infantis de TV, productos didacticos e números ad-hoc para corporacións tan diversas como as comunidades de cálculo, parlamento de Galicia, federacións de comercio, feiras do libro, igape... Participaron em multiples eventos e festivais em España, Portugal e Latinoamérica. Cabe destacar de entre eles, Almada, Loiu, Tondela, Guadalajara; Santiago de Cuba, Iberoamericano de teatro de Bogotá, Festival de las autonomías de Madrid, Cómico de Maia, Eixo Atlántico de Viana do Castelo, MIndelact Cabo Verde, Carballo ,Ribadavia, Braga, Tárrega, Iberoamericano de Holguín.

Compartir: