ALCALDÍA

Recepción aos xogadores, directiva e corpo técnico da SD Compostela

26/06/2018 O alcalde presidiu esta tarde a recepción oficial aos xogadores e corpo técnico da SD Compostela, coa que o Concello de Santiago quixo recoñecer o traballo do equipo durante a temporada futbolística que vén de rematar. Martiño Noriega felicitou a todos os integrantes do club, e expresoulles o seu convencemento de que máis pronto que tarde lograrán o ansiado ascenso a Segunda B.

A SD Compostela non cumpriu o seu soño de ascender a Segunda B, despois de perder o domingo en San Lázaro contra o Salmantino por 0-1. O alcalde mostrouse convencido de que "ese ascenso chegará pronto, porque o Compos mereceu gañar o partido do domingo, e porque todos os xogadores fixeron un gran traballo ao longo de toda a temporada que fai que o fútbol teña unha débeda con eles". Martiño Noriega agradeceulles a todos os membros da SD Compostela "que conseguiran que Santiago se reconectara co fútbol, que se volvera ver un magnífico ambiente en San Lázaro, e que toda a veciñanza estivera ilusionada co equipo da cidade".

Compartir: