COMERCIO

Seis iniciativas participan na terceira edición do programa de dinamización comercial "Con B de Barrio"

27/06/2018 Xa está en marcha a terceira edición do programa de dinamización comercial Con B de Barrio, coa participación de seis proxectos que recibirán asesoramento ata finais de ano, da man da concellería de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo. A iniciativa ten como principal obxectivo fomentar a cooperación entre establecementos comerciais da cidade, para crear sinerxias e redes colaborativas de negocio.

Na terceira convocatoria de Con B de Barrio foron seleccionados seis proxectos que lle afectan tanto as grandes áreas comerciais da cidade histórica e do Ensanche como a barrios máis afastados do habitual circuíto, como Paxonal ou Concheiros. Tamén son moi variadas as temáticas das propostas que foron seleccionadas no programa.

O primeiro dos proxectos, presentado pola asociación Compostela Monumental, é a definición dun Plan Estratéxico do Comercio para a Cidade Histórica. Neste momento, o colectivo e a asiatencia técnica que desenvolve o programa Con B de Barrio están xa realizando o primeiro traballo de campo, con máis de 40 entrevistas con axentes clave do tecido social, económico e comercial tando da zona vella como do resto da cidade.

Tamén foi seleccionado o proxecto "Non é o mesmo", presentado por diferentes comercios de produto ecolóxico tanto do Ensanche como dos Concheiros ou o Paxonal, co respaldo da asociación de comerciantes Santiago Centro, a asociación veciñal Raigame, e a asociación de produtores ecolóxicos APEGA. O seu obxectivo é divulgar os valores ecolóxicos entre a cidadanía de Santiago e invitar a comerciantes e produtores a instaurar a onciencia ecolóxica tanto no ámbito da alimentación como na mobilidade, o aforro enerxético, o medio ambiente ou a produción.

"Facendo barrio, facendo cidade" é o terceiro dos proxectos escollidos, asinado por comercios do contorno das Casas de Ramírez, tamén co respaldo de Santiago Centro e de Raigame, e co fin de reivindicar un comercio de proximidade que poña o acento na calidade, cercanía ou coñecemento do cliente do barrio. No marco de Con B de Barrio tamén foi seleccionado un proxecto comercial que pretende fomentar a práctica do deporte entre a cidadanía, e quefoi presentado por varias tendas especializadas de deportes.

Baixo o lema"Un barrio apetecible", na terceira edición do programa foi seleccionada unha proposta que pretende desenvolver o potercial comercial do entorno do Parlamento de Galicia, ao tempo que trata de recordar ás personalidades que dan nome a moitas das súas rúas como Eduardo Pondal, Perez Constanti, Lopéz Ferreiro, Gómez Ulla ou Curros Enríquez. O último dos proxectos seleccionados, presentado por dous comercios do Ensache e da cidade histórica, baséase na creación da primeira marca de textil compostelá.

Con B de Barrio é un programa que procura o desenvolvemento socioeconómico de Santiago, a través dun servizo de consultoría aberta. A convocatoria tamén pretendía favorecer a creación de sinerxias entre o sector, e por iso as candidaturas debían estar integradas por un mínimo de tres establecementos comerciais.

Compartir: