FACENDA

María Rozas presentará o proxecto de Orzamentos Participativos na reunión do Atlantic Social Lab en Rennes

27/06/2018 A concelleira de Facenda, María Rozas, viaxará o próximo luns á cidade francesa de Rennes para participar nunha reunión de coordinación do proxecto europeo Atlantic Social Lab, do que forma parte Santiago. A capital galega partipa no programa xunto con outras sete entidades de Irlanda, Reino Unido, Francia e Portugal.

María Rozas participará na reunión de coordinación do Atlantic Social Lab, que se desenvolverá en Rennes do 2 ao 4 de xullo. A xuntanza servirá para poñer en común co resto dos socios europeos os traballos que están a desenvolver cada unha das entidades socias do proxecto e compartir experiencias en materia de participación social nas políticas públicas. A concelleira de Facenda poderá presentar o proceso dos Orzamentos Participativos, que empeza a estar consolidado en Compostela.

Atlantic Social Lab
O proxecto Atlantic Social Lab ten como obxectivo impulsar a creación de novas solucións nos servizos de benestar social e poñer en práctica métodos de participación activa da cidadanía que contribúan ao desenvolvemento exitoso das rexións Atlánticas. Santiago forma parte do programa nun grupo liderado polo concello asturiano de Avilés, no que tamén participan o Concello de Cork (Irlanda), as Universidades Glasgow Caledonian (Reino Unido) e Coimbra (Portugal), as axencias de apoio ao emprendemento social CRESS Bretagne (Francia) e Enterprise North West (Reino Unido), a Comunidade Intermunicipal do Ave (Portugal) e a Aglomeración de Pau-Pyrénées en Francia. Entre as actuacións a desenvolver polo Concello compostelán figuran dúas accións piloto para a dinamización social en espazos públicos do proceso de participación cidadá no deseño do orzamento municipal para o ano 2019, accións que están en fase de deseño e contratación por parte da Oficina Orzamentaria do Concello.

O proxecto Atlantic Social Lab desenvolverase ata novembro de 2019 cun orzamento de 1,6 millóns de euros, dos que o 75 por cento son cofinanciados pola Unión Europea. Desa cifra total, a Santiago correspóndelle un orzamento de case 170.000 euros, dos que preto de 130.000 proceden de fondos europeos.

Compartir: