CIDADES PATRIMONIO

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade presenta o seu Observatorio Turístico

26/06/2018 O documento, financiado pola Secretaría de Estado de Turismo, sinala como grandes retos xestionar o crecemento de forma sustentable e adaptarse aos novos hábitos dos viaxeiros. Ao acto de presentación asistiu o concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte.

O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo acolleu a presentación do resultado do Observatorio Turístico do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, entidade que reúne as 15 cidades da Lista de Patrimonio Mundial da Unesco. O acto, que estivo presidido pola secretaria de Estado de Turismo, Isabel Oliver, contou coa presenza da presidenta do Grupo, Isabel Ambrosio, alcaldesa de Córdoba e alcaldes e concelleiros das 15 Cidades Patrimonio. Por parte da Subdirección Xeral de Sustentabilidade asistiu a Subdirectora Xeral, Tatiana Martínez.

Os resultados presentados son froito do traballo de investigación e redacción desenvolvido por Braintrust, líder no campo da consultoría turística, que resultou adxudicataria do concurso convocado polo Grupo de Cidades Patrimonio para pór en marcha un Observatorio Turístico. Este proxecto foi financiado pola Secretaría de Estado de Turismo, dentro da súa liña de actuación no campo da Sustentabilidade dos destinos turísticos e, en concreto, do sector do Turismo Cultural, no que as 15 Cidades Patrimonio son referente e Club de Produto destacado de Turespaña. Con este Observatorio dótase ás 15 Cidades e á Secretaría de Estado de Turismo dunha ferramenta fundamental para o desenvolvemento e planificación das políticas turísticas do grupo.

Resultados do Observatorio
Nun contexto no que o crecemento económico mundial se estima que se manterá próximo ao 4% durante os próximos anos, que o número de turistas aumentará case un 50% na próxima década e no que o turismo urbano é o que crece con máis forza, o GCPHE ten unha gran oportunidade.

O número de viaxeiros que visitaron estas 15 cidades aumentou un 17% no período 2.014-2.017, o que supón un crecemento un 11% superior ao mostrado polo conxunto de puntos de interese turístico de España. Ese crecemento veu acompañado ademais dun aumento considerable da proporción de estranxeiros, que se sitúa nun 40% no ano 2.017, un 10% máis do observado en 2.014.

Pola contra, o número medio de pernoctacións por viaxeiro (1,77) mantívose estable nos últimos anos e aínda queda por baixo do mostrado polo conxunto de España e mesmo do reflectido por outras cidades de similares características, o que permite detectar unha liña de mellora.

Dado que a oferta hoteleira non creceu tanto como o número de viaxeiros (+4,3% en número de aloxamentos e +2,7% en número de prazas) produciuse un importante aumento dos niveis de ocupación, que se sitúan en niveis máximos (65%) no conxunto de cidades analizadas en fins de semana, e mostran algo máis de percorrido nos días entre semana. Do mesmo xeito, os niveis de ocupación nas estacións de primavera e outono son máis elevados que outras cidades de referencia ou que o conxunto de puntos de interese existentes en España, pero no inverno e verán aínda hai posibilidades de mellorar. Desta forma, a desestacionalización (tanto por día da semana como por época do ano) identifícase como outra liña de traballo a desenvolver.

Este aumento da ocupación podería ser maior de non desenvolverse o fenómeno dos apartamentos turísticos, que no Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade mostran unha incipiente presenza. Concretamente no conxunto das 15 cidades identificouse a presenza de case 5.500 apartamentos turísticos, o que supón un cociente de 8 apartamentos por cada aloxamento hoteleiro. Sen dúbida un fenómeno a observar, tanto polo seu impacto actual como pola súa potencial evolución futura.

En relación ao impacto económico do turismo na economía local, cuantificouse que o número de empresas relacionadas co turismo (excluíndo bares e establecementos de bebidas) é superior ás 5.000 para o conxunto das cidades, o que supón aproximadamente un 5% do total de empresas censadas nestas zonas. O emprego vinculado ao turismo incrementouse case en 9 puntos porcentuais no período de análise comprendida entre 2.014 e 2.017.

Un último aspecto analizado foi o nivel de concentración e saturación que presentan algúns dos elementos patrimoniais de referencia nas cidades do Grupo. Utilizando un cociente que vincula as visitas ao elemento patrimonial vs o número de visitantes da cidade e ao conxunto de elementos existentes, detectouse que hai algúns deles que están preto da súa afluencia máxima, sendo necesario buscar alternativas para que os viaxeiros diversifiquen a súa actividade na cidade e atopen motivos para volver, aumentando a recurrencia.

Principais conclusións do estudo
- Os resultados alcanzados nos últimos anos polo GCPHE pódense cualificar de excelentes.
- Segue habendo unha gran oportunidade para seguir crecendo, tanto en turismo nacional como no estranxeiro (especialmente fóra da UE). Este crecemento non debe apalancarse só no aumento dos visitantes, senón tamén no aumento da estancia media e do gasto realizado.
- É fundamental acompañar o crecemento con diversificación: de épocas do ano, de días da semana e de actividades/experiencias a vivir na cidade. Só desa forma conseguirase que a presión turística non afecte negativamente aos elementos patrimoniais e aos residentes.
- Adicionalmente, é fundamental asegurar que o aumento do turismo repercuta adecuadamente na economía local (empresas, emprego, benestar) pois só así se garante a sustentabilidade do modelo. Neste sentido propúxose a creación dun indicador que permita medir ese impacto e ese nivel de sustentabilidade.
- Para lograr os obxectivos anteriores é necesario unha paulatina transformación no modelo de xestión e promoción do produto patrimonial e cultural, tanto por cada unha das 15 cidades como polo GCPHE, pois a sociedade e os viaxeiros están a cambiar. É imprescindible estar presente en todas as fases do ciclo de viaxeiro (dreaming, planning, booking, experiencing e sharing), a través de múltiples canles e cunha oferta centrada máis na experiencia e non tanto no produto.

En definitiva, para seguir mantendo os bos resultados parece aconsellable unha transformación, na que teñen que estar involucradas todas as entidades dedicadas á organización, xestión, maximización e racionalización da actividade turística, cunha coordinación óptima e eficiente entre o sector público e o sector privado, da man de expertos na visión de cliente, co obxectivo de materializar as oportunidades, e retornar os beneficios ás economías locais, promovendo un turismo sustentable.

E só cunha marca da potencia de GCPHE, e as sinerxías que para as 15 cidades do grupo supón pertencer ao mesmo, e da man da Secretaría de Estado de Turismo e de Turespaña, será capaz de abordar con éxito os retos que se presentan e aproveitar tan grande oportunidade.

Compartir: