MEDIO AMBIENTE

A Tropa Verde celebra o Día Mundial do Medio Ambiente

31/05/2018 O 5 de xuño conmemórase o Día Mundial do Medio Ambiente, que este ano xira ao redor do tema "Sen contaminación por plástico". A Tropa Verde vaise sumar á celebración cun concurso que pretende concienciar á cidadanía sobre as alternativas no uso do plástico.

"Búscanse ideas para romper co plástico" é un concurso a través das redes sociais, no que se pode participar con fotografías que mostren alternativas no uso do plástico. Poden ser imaxes que reflictan maneiras de reutilizar envases ou botellas, ou que dean ideas para non utilizar bolsas ou envases. As fotografías deben compartirse nas redes sociais etiquetando a Tropa Verde de Santiago (@tropaverdeSCQ), e cos hashtags #tropaverderecicla e "Un planeta #SinContaminación por plásticos"

No concurso pode participar calquera membro da Tropa Verde, ata o 11 de xuño. Entre todos, sortearanse dez bolsas reutilizables con deseño da Tropa Verde.

"Trae un amigo á Tropa Verde"
Tamén ao redor do Día Mundial do Medio Ambiente, ponse en marcha o sorteo "Trae un amigo á Tropa Verde", no que se pode participar simplemente convidando a un amigo ou amiga a darse de alta no grupo. Entre todas as persoas que apunten novos socios sortearase un convite para dúas persoas para participar nos actos institucionais que organiza o Concello de Santiago na noite do 24 de xullo e ver os Fogos do Apóstolo dende un lugar privilexiado

Para formalizar a participación no sorteo é preciso enviar o correo do novo usuario a info@tropaverde.org ou a través dunha mensaxe privada no Facebook, para comprobar que foi dado de alta. O prazo para participar remata o día 11 de xuño.

O Día Mundial do Medio Ambiente celébrase o 5 de xuño co obxectivo de concienciar á cidadanía da necesidade de apostar polo desenvolvemento sustentable. O tema elixido para este ano é "Sen contaminación por plástico". Cada ano vértense aos océanos oito millóns de toneladas de plástico, que ameazan a vida mariña e humana e destrúen os ecosistemas naturais.

Direccións relacionadas



Compartir: