EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Ábrese a admisión na Escola Municipal de Música para o curso 2018-2019

25/05/2018 A Xunta de Goberno Local aprobou este venres os prazos de reserva de praza de alumnado actual, preinscrición e matrícula de novo alumnado na Escola Municipal de Música para o curso 2018-2019.

O luns 28 de maio publicaranse no taboleiro de anuncios da Escola Municipal de Música as prazas dispoñibles de instrumento ás que pode optar o alumnado que finaliza a Iniciación á linguaxe musical II (7 anos), polo que se establece un período diferenciado para este nivel, do 28 de maio ao 4 de xuño, no que se pode elixir unha especialidade instrumental das que se ofrecen.

O alumnado matriculado actualmente no curso de iniciación ao instrumento, nas especialidades recollidas no PEX, ten garantida a súa continuidade na especialidade que está cursando.

A continuación, do 12 ao 22 de xuño realizarase o proceso de renovación de praza e posta de horario para o vindeiro curso escolar 2017/18 do alumnado da Escola Infantil de Música, PEX e PEPA. Como resultado deste proceso, o 26 de xuño publicaranse no taboleiro de anuncios da EMM e nesta web as prazas vacantes para novo alumnado.

Novo alumnado
Para estes novos alumnos e alumnas establécese un prazo de preinscrición que vai do 26 de xuño ao 9 de xullo. As listas provisionais de admitidos/as publicaranse o 13 de xullo, abríndose un período de reclamacións de 10 días naturais, tras o cal, o 24 de xullo, se publicará a relación definitiva de admitidos/as. Entre esta data e o 31 de xullo deberá formalizarse a matrícula.

De existir vacantes, publicarase o listado das mesmas o 3 de setembro, para abrir así unha segunda convocatoria.

Prezos públicos
O prezo da matrícula na Escola Municipal de Música é de 59,50 €. A cota mensual da EMM é de 35,65 euros. No caso da especialidade instrumental (curso completo) PEX ou PEPA a mensualidade é de 53,50 €, polos 42,80 € que custa a cota de práctica instrumental con actividades instrumentais de conxunto e os 35,65 € da cota da formación musical complementaria á práctica musical.

Toda a información sobre prazos e documentación atópase no documento adxunto.

Compartir: