XUNTA DE GOBERNO

Reiniciado o procedemento de adxudicación das obras do estacionamento disuasorio da Sionlla

25/05/2018 A Xunta de Goberno acordou hoxe abrir o procedemento de adxudicación, mediante procedemento aberto, das obras do aparcadoiro provisional disuasorio da Sionlla. Retómase así unha actuación para a que xa fora contratada unha empresa no pasado mes de outubro, empresa que finalmente renunciou a executar os traballos.

O alcalde, Martiño Noriega, lembrou que o aparcamento disuasorio da Sionlla "será financiado con fondos privados, pero contará cunha zona para depósito municipal de vehículos". Prevese que o estacionamento conte con máis de 230 prazas, e o orzamento previsto para as obras é de case 375.000 euros. A actuación fora xa adxudicada en outubro, pero posteriormente a empresa renunciou a executala "alegando que a marxe de beneficio das obras era escasa". O Goberno xa ten desestimadas as alegacións presentadas pola construtora, ao tempo que solicitou informe preceptivo ao Consello Consultivo de Galicia de cara a fixar os eventuais danos e prexuízos que poidan derivarse do incumprimento do contrato.

Refuxio de Bando e cacharelas
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe o convenio entre o Concello de Santiago e a Fundación Refuxio de Animais para este ano. O alcalde salientou o incremento da achega ao Refuxio de Bando, que pasa de 155.000 euros a 200.000. Martiño Noriega incidiu en que "o Goberno está comprometido coa mellora deste centro, e por iso tamén temos en marcha un expediente para executar algunhas actuacións de mantemento moi necesarias no Refuxio".

A proposta da Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia, aprobáronse as normas de seguridade para a celebración das cacharelas e sardiñadas de San Xoán, que son de aplicación na noite do 23 de xuño ou calquera outro día. As persoas, organizacións e comunidades que desexen realizar unha cacharela e/ou sardiñada na súa zona de residencia deberán presentar a solicitude correspondente no Rexistro Xeral do Concello entre os días 1 e 15 de xuño. No caso de cacharelas particulares, será preciso facer unha comunicación a través da páxina web do Concello, tamén entre os días 1 e 15 de xuño.

Outros acordos
Outra das decisións da Xunta de Goberno de hoxe foi a adxudicación do servizo para a posta en marcha dos Orzamentos Participativos Compostela Decide para 2019. Dos traballos encargarase a empresa Cidadanía, a única que presentou oferta, por un importe de case 80.000 euros, IVE incluído.

Na reunión desta mañá tamén recibiron luz verde as bases reguladoras da convocatoria de subvencións para actividades de promoción e dinamización comercial. Ás axudas destínanse un total de 50.000 euros.

Finalmente, o Goberno aprobou o programa de excursións da rede de centros cívicos, ao que se destinarán algo máis de 17.000 euros. Unha cifra similar é a que se vai destinar ao Campamento de Verán de Vela e Actividades Náuticas, que organiza a Concellaría de Mocidade para o mes de xullo.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: